O BNG de Castro de Rei quere crear un viveiro de empresas

O BNG presentará unha iniciativa no pleno do concello de Castro de Rei para instar ao Goberno Municipal a crear un viveiro de empresas no municipio. Segundo a proposta do BNG este viveiro de empresas dotarase de locais acondicionados para iniciar neles unha actividade industrial ou empresarial. “É unha das vías para impulsar a creación e asentamento de empresas e iniciativas de emprendemento no termo municipal” afirmou Digna Lagarón, vociera do BNG en Castro de Rei.

A 1 de xaneiro do 2017, o concello de Castro de Rei tiña 5.013 habitantes, 44 menos que no 2016. A este ritmo, é posíbel que un ano despois xa esteamos por debaixo dos 5.000 habitantes.

“O goberno do BNG ten que poñer todos os medios para evitar que o concello quede por debaixo dos 5.000 habitantes o que suporía un grave perxuizo” afirmou Digna Lagarón e explicou que se non tomamos medidas urxentes e eficaces en 2019, Castro de Rei estará por debaixo dos 5.000 habitantes, pasando de 13 a 11 concelleiros, perdendo categoría institucional, baixando un tramo no reparto do PIE (participación nos fondos do Estado) con unha importante perda de ingresos, reducindo ás posibilidades de investimentos doutras administracións no noso municipio”.

Dende o BNG proporase que o concello de Castro de Rei inicie, con recursos propios ou en convenio con outras administracións, os trámites para a creación do viveiro de empresas. Digna Lagarón explicou que “son moitos os frontes nos que debemos actuar para superar a situación actual: prestar máis e mellores servizos públicos, mellorar a rede viaria e os equipamentos municipais, promover actividades culturais e turísticas, impulsar medidas para facilitar a creación de emprego, etc., son accións necesarias para frear a emigración, principalmente da xente moza deste concello, e favorecer o retorno e asentamento da poboación inmigrante que recibimos”.

En xaneiro deste ano, había en Castro de Rei 182 persoas no paro, 93 maiores de 45 anos e 89 entre os 18 e os 45, a creación de emprego é a principal medida a desenvolver para fixar poboación e atraer xente de fora do noso concello. É preciso, polo tanto, que o Goberno Municipal tome medidas urxentes para impulsar a creación de emprego e riqueza no noso municipio. Unha delas, non a única, seria poñer á disposición das persoas emprendedoras, que estiveran interesadas en montar unha pequena industria ou empresa comercial no noso concello, un espazo acondicionado para iniciar e desenvolver a súa actividade.

 

Etiquetas