Medio Rural forma a asesores para mellorar o agro

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participou en Lugo no inicio das actividades de formación de asesores para o agro, que por primeira vez financia o seu departamento, cubrindo todo o territorio galego. Destacou que, por moitos motivos, como o envellecemento da poboación, o asesoramento de calidade aos titulares e traballadores das explotacións agrarias é un aspecto fundamental para acadar un crecemento sostido e sostible da actividade que permita a mellora da competitividade das explotacións.

Esta mellora, sinalou a conselleira, non debe estar centrada unicamente no eido agronómico, senón que tamén ten que abranguer os ámbitos sociolaboral e medioambiental, polo que –dixo– a formación continua e o desenvolvemento das habilidades de comunicación “constitúe unha peza clave para esa mellora da competitividade do sector agroalimentario”.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, sinalou que a Xunta destina a estas accións formativas preto de 200.000 euros ata 2020, co obxectivo de chegar a un total de 150 asesores, que realizarán un total de 44 cursos.

Será a Universidade de Santiago (USC) a encargada de coordinar a formación, que se impartirá baixo os estándares e cos requisitos do sistema europeo de certificación Cecra (Certificado de consultores en áreas locais). Este modelo céntrase en mellorar as capacidades e habilidades persoais, metodolóxicos e de comunicación dos asesores rurais, co fin último de fomentar a modernización, rendibilidade e sustentabilidade das explotacións agropecuarias. Así pois, trátase, segundo advertiu a titular de Medio Rural, de garantir a calidade do servizo de formación a asesores, que pasa por asegurar a súa boa capacitación a nivel técnico e unha axeitada cualificación profesional.

Etiquetas