Friol será o día 25 a capital do queixo

Un ano máis, o concello de Friol acollerá unha nova edición da Feria do Queixo e Pan de Ousá, que chega á súa 26 edición e que terá lugar o 25 de marzo no centro da localidade, onde se ubicará unha gran carpa para acoller aos produtores destes tesouros da alimentación, estrelas desta celebración.

“A nosa feira é un gran escaparate gastronómico e tamén turístico, sendo un dos principais sinais de identidade como friolenses, que axuda a dinamizar de maneira decidida a actividade económica, especialmente do sector primario. Sendo este o principal motor na actualidade, debemos contribuir a súa potenciación para que sexa o máis competitivo posible”, explicou o alcalde, José Ángel Santos, durante a presentación da feira.

Unha gran carpa ubicada na praza Andón Cebreiro acollerá este ano a un total de 95 queixerías e 5 panaderías, que exporán os seus produtos para a súa venda. Segundo a organización, esperan superar con estas cifras a participación de anos anteriores, con 10.000 queixos e 3.000 pezas de pan no mercado nunha única xornada.

Ao carón desta carpa principal tamén estará situado o stand municipal, onde a partires das 13:00 horas todos os asistentes poderán degustar totalmente de balde os dous principais produtos acompañados dun viño.

Ademais, arredor desta instalación, o Concello colocará stands onde poderán mercarse outros produtos agroalimentarios do concello, como carne, mel e ovos, entre outros.

Debido tanto á feira como á gran cantidade de público esperado, permanecerán pechadas ao tráfico tamén as rúas Deputación e Santa Isabel, onde se instalarán as pulperías e tendas ambulantes. O alcalde lembrou que todas estas instalacións estarán libres do abono das taxas municipais.

PROGRAMA. A festa dará comezo ás 10 da mañá co lanzamento de foguetes, para, media hora máis tarde, asignar os stands ás queixeiras e panaderías participantes. A feria abrirá as súas portas ao público ás 11.30 da mañá, co tradicional corte de cinta, que este ano correrá a cargo dunha panadeira.

As charangas Xesta Verde, de Friol, e Charanga, de Vilalba, amenizarán o recinto feiral durante toda a mañá.

Pero a parte musical prolongarase, como o ano pasado, cara a sesión vespertina coa actuación de Bruno Villamor, que ofrecerá un concerto de folk no Centro Sociocultural de Friol entre as 18.30 e as 20.00 horas.

Finalmente, ás 23.00 horas, unha romería porá punto e final a unha das xornadas festivas máis importantes de Friol. A orquestra Gran Parada será a encargada deste apartado, que se clausurará sobre as dúas da madrugada.

Debido á aglomeración de xente esperada, o concello habilitará un aparcadoiro nas instalacións do Mercado Municipal e nas rúas do Polígono Industrial.

Etiquetas