Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta pedirá responsabilidades ao Concello pola venda ilegar de cans na feira

Por 12 Marzo, 2018Sin comentarios

A asemblea de Vilalba Aberta levará ao vindeiro Pleno Ordinario unha solicitude de comparecencia tanto do alcalde coma da concelleira de Feiras e Mercados, co fin de depurar responsabilidades logo de teren coñecemento dun episodio de venda ambulante de cans na feira do pasado día 4. Unha denuncia, xunto á cal adxuntarán a conseguinte documentación gráfica onde, con toda claridade, se pode apreciar como a devandita venda se levou a cabo no marco do mercado local e a plena luz do día sen que ningúen do Goberno nin das forzas de seguridade municipais fixeran nada para impedilo.

Na súa argumentación, a formación asemblearia fai especial referencia á Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia. Unha Lei, lembran, que introduce novas disposicións en materia de comercio de animais, así como os requisitos para exercer a compravenda dos mesmos e en base á cal, o Goberno Municipal de Vilalba estaría sostendo, por acción ou omisión, a comisión de diferentes e graves infraccións.

En palabras do seu voceiro, o edil Modesto Renda, e sen perxuizo daquelas que se poidan detectar con posterioridade, o Goberno Municipal “estase a saltar as tipificadas no seu artigo número 38, relativas á exhibición dos animais de compañía destinados á venda en escaparates ou zonas expostas á vía pública ou a modo de reclamo comercial, ao mantemento dos animais en instalacións que non reúnan os requisitos previstos no artigo 9.e, á venda de animais domésticos fóra dos establecementos legalmente autorizados e ao transporte de animais en condicións inaxeitadas ou en maleteiros que non estean especialmente adaptados”.

Neste senso a iniciativa, que dende Vilalba Aberta agardan, supoña “o inicio das actuacións oportunas para a apertura do preceptivo expediente sancionador polo incumprimento da normativa autonómica no relativo ao benestar dos animais no Concello”, sentenzan.