Innolact remata a construcción da súa nova planta en Castro Ribeiras de Lea

A conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, visitou a nova planta que Innolact, construída no municipio lugués de Castro de Rei e que supón un investimento superior aos 4 millóns de euros. Deste orzamento, a Consellería colaborou cunha subvención de 1,69 millóns, a través da orde de axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios de 2016.

A convocatoria deste ano xa foi publicada en xaneiro cuns fondos de 29,1 millóns de euros, cun aumento de case o 22% respecto ao exercicio anterior. Téñense recibido ata 121 solicitudes, o que suporá un investimento de 173 euros en Galicia. No 2017, a Xunta achegou ata 23,9 millóns de euros a 144 beneficiarios. A conselleira destacou a importancia destas cifras xa que detrás de cada solicitude hai un proxecto de transformación que suporá incrementar o valor dun produto do agro.

“Temos que crear industrias para que ademais da mellor materia prima, teñamos tamén os produtos xa transformados, cun maior valor engadido”, declarou Ángeles Vázquez. A titular de Medio Rural, que estivo acompañada polo alcalde do municipio, Francisco Javier Balado, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou a importancia que unha fábrica destas dimensións suporá para o concello e, en xeral, para toda a comarca.

Neste sentido destacou os “pasos firmes” que foi dando esta compañía dende a súa creación en 2006 e situouna como “exemplo” non só a nivel nacional, senón tamén internacional xa que exporta o 40% da súa produción. “Están dando resultados grazas á súa aposta pola investigación”, sinalou Ángeles Vázquez.

A día de hoxe Innolact conta cuns 60 traballadores e 17 socios e no 2017 facturou 11 millóns de euros. Dedícase á fabricación de queixo fresco en crema e de queixo masacarpone. Precisamente esta nova infraestrutura no polígono de Castro Ribeiras de Lea ten como fin a elaboración deste queixo. Para iso adquiriron un terreo de 44.142 metros cadrados e executaron unha nave de 2.805 metros cadrados de superficie cuberta en dous plantas. Ademais, xa está en marcha outro investimento de 99.902,45 euros para melloras tecnolóxicas na planta de queixo branco pasteurizado para incrementar a competitividade. Respecto ao leite cru, recolle unhas 15 toneladas anuais para fabricar os seus queixos.

A conselleira aproveitou a súa visita para valorar a situación do sector lácteo a día de hoxe e, neste sentido, destacou a importancia de que antes de xuño o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente vaia a ter listo o decreto de primeiros compradores. “Porque a estabilidade non a dan só os contratos, senón tamén a seguridade xurídica”, sinalou a conselleira, en referencia aos impagos que en moitas ocasións protagonizaban esta figura dos primeiros compradores e contra a que nada podía facer a administración pública.

“Agora si poderemos tomar cartas no asunto”, sinalou Ángeles Vázquez, quen destacou tamén a importancia de coñecer a orixe do leite para que os consumidores saiban verdadeiramente o que compran e poidan elixir en liberdade con toda a información. Ambas normativas estarán listas antes do verán.

Etiquetas