Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro culpa ao alcalde de no ter limpas as cunetas para evitar inundacións

Por 13 Marzo, 2018Sin comentarios

O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, vén de denunciar a situación que se produciu nestes días de chuvia, onde moitos veciños e  veciñas do concello se viron obrigados a limpar eles mesmos as pistas do concello. “Debido a negativa do alcalde a limpar estas cunetas varias veces ao ano, como solicitaba o BNG, cada vez que chove con intensidade a auga non discorre por elas, invadindo a calzada en multitude de lugares” explicou Ferreiro e sinalou “esta situación provoca cortes continuados en moitos lugares do concello, ademais de producir situacións de auténtico perigo para circulación polas balsas que se forman nas pistas”.

Dende o BNG véñense presentando iniciativas para evitar estas situacións, iniciativas sempre dirixidas a priorizar o gasto cara a aumentar a seguridade das persoas do concello. Neste sentido, limpar os cruces varias veces ao ano para que haxa visibilidade e limpar as cunetas para que circule a auga no inverno parécenos imprescindible.

“Aínda así, o concello sempre preferiu investir os cartos noutros campos, como construír o que el chama unha pista de seguridade, que realmente é unha ampliación da pista de Karting e a onde van correr cos seus coches uns cantos amigos do Alcalde”, asegurou o concelleiro do BNG. “Un concello coma Outeiro, co nivel impositivo que aplica á veciñanza, non pode permitir que os seus veciños e veciñas teñan que preocuparse de limpar eles mesmos as vías municipais, mentres que o concello non se molesta en absoluto en facelo” afirmou Ferreiro.

Cando o BNG teña responsabilidades de goberno no concello, priorizaremos todo tipo de iniciativas orientadas a que aumente a seguridade das persoas que viven ou transitan polo concello de Outeiro, pois a seguridade das persoas non ten prezo e sempre é a unha prioridade para o BNG.