A Deputación inviste en Protección Civil mentres a Xunta nega que fixera recortes neste apartado

O Presidente da Deputación Provincial, Darío Campos Conde, mantivo un encontro con representantes dos Grupos de Protección Civil na provincia, no que abordou o recorte do 50% dos fondos da Xunta de Galicia para este servizo, así como as axudas de 170.000 euros que habilitou a Deputación para facer fronte a ditos recortes. Esta é a segunda xuntanza que mantén Campos Conde con representantes de Protección Civil que lle trasladaran, no anterior encontro, a situación orixinada por mor dos recortes do Partido Popular na Xunta de Galicia.

Cómpre subliñar que o Goberno Galego recortou nun 50% o financiamento para este servizo. Lugo, con 42 agrupacións locais de Protección Civil constituídas, só recibe da Xunta 46.000 euros, o que supón pouco máis de 1.000 euros de media para cada agrupación, cantidade a todas luces insuficiente para que os profesionais das emerxencias poidan desenvolver o seu labor nas debidas condición de traballo.

Para facer fronte a este problema, o Goberno da Deputación tomou a iniciativa, pioneira en Galicia, de habilitar esta nova liña de axudas do Plan Único que ofrece aos Concellos financiamento para que poidan garantir a eficacia dos servizos de Protección Civil. A Deputación pon á disposición de cada municipio ata 4.000 euros para financiar gastos de Protección Civil, 4 veces máis do que lles concede a Xunta.

Neste senso, Campos Conde puxo en valor o “compromiso de todos e cada un dos voluntarios que, de xeito totalmente desinteresado, participan na prevención e na atención de emerxencias ao longo da nosa provincia”. O titular provincial lembrou o papel que este servizo desempeñou, por exemplo, durante este mesmo inverno, previndo e actuando durante os temporais de neve e xeo que afectaron a provincia de Lugo. 

O Presidente destacou que cada grupo ten as súas características especiais, baseadas no territorio no que se encontra. É por iso polo que o Goberno da Deputación habilitou esta liña na que cada municipio pode destinar ata 4.000 euros a financiar melloras nos grupos de Protección Civil de cada municipio. Poderanse financiar, con cargo ao orzamento da Deputación gastos correntes, como a contratación de subministros, como maquinaria; ou a execución de investimentos con obras de mellora nas bases que dispoñen os profesionais.

Na provincia de Lugo son 42 as agrupacións de Protección Civil, que engloban a máis de 2.000 voluntarios, noutros tantos municipios lucenses. Os Concellos son: Baleira, Barreiros, Becerreá, Burela, Carballedo, Cervantes, Cervo, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, O Incio, Lourenzá, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Negueira de Muñiz,  Ourol, A Pobra do Brollón, Palas de Rei, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Ribas de Sil, Riotorto, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada, Trabada, O Valadouro, Vilalba, Viveiro, Xermade e Xove.

XUNTA DE GALICIA

Pola súab banda, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, afirmou que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinou nos últimos tres anos preto de dous millóns de euros a apoiar as agrupacións de voluntarios de protección civil da provincia de Lugo, en particular, as 42 que na actualidade están constituídas.

Desmentiu deste xeito a existencia de recortes nos apoios a estas agrupacións e indicou que, pese a que a competencia sobre a xestións de emerxencias é compartida coas administracións locais e supramunicipais, o Goberno galego coñecedor das dificultades orzamentarias de moitos concellos pequenos e da falta de colaboración que ata o momento tiña a Deputación de Lugo, desenvolve este tipo de apoios.

Esta cifra -moi superior á que poden realizar outras administracións con este mesmo obxecto-, inclúe tanto subvencións directas da Xunta para funcionamento das agrupacións como  tamén outros apoios: proporcionándolles material, vehículos e outras dotacións e ofrecendo formación aos voluntarios.

As subvencións para funcionamento poden ser destinadas á compra de diverso equipamento, como   vestimenta, elementos de protección e material informático e de comunicacións, así como a costear gastos ocasionados durante as actuacións, gastos de mantemento ou alugamento da base e medios de intervención, ou seguros do persoal e outros.

A maiores a Xunta traballa pola potenciación das agrupacións de voluntarios de protección civil, dotándolas de distintos material e recursos (vehículos todo terreo, remolques de emerxencia, embarcacións pneumáticas, remolques de salvamento, coitelas quita neves, esperexadores de sal, equipos de excarceración e desfibriladores)

Balseiro sinala tamén que a todas estas achegas económicas e de material hai que engadir a formación impartida, con carácter gratuíto, ao persoal voluntario de protección civil que se oferta todos os anos, tanto nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública como tamén, de xeito descentralizado, noutros puntos da provincia. Falamos duns cursos impartidos pola Xunta que tamén asume o custe de organización.

Etiquetas