Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Arrinca o congreso de arte no que participa o museo de San Paio de Narla

Por 15 Marzo, 2018Sin comentarios

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este xoves no Museo Provincial de Lugo o V Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación, que se celebrará ata o 17 de marzo. Trátase dunha iniciativa do Goberno da Deputación na que se exporán experiencias e reflexións sobre a cuestión de xéneros e a educación. Fíxoo acompañada da Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López; da Xerente da Rede Museística da Deputación, Encarna Lago; e da Directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro.

García Porto remarcou que “esta nova edición do Congreso forma parte do Plan de museos, xéneros, arte, educación e igualdade, no que a Rede Museística da Deputación comprométese, como institución pública, a promover políticas de igualdade e a ofrecer espazos de diálogo e cohesión social na súa programación”.

“Con este Congreso abrimos un espazo no que reflexionar sobre como os museos favorecen a presenza e a atención á pluralidade de xéneros e aos seus papeis na historia e na sociedade, a través dos seus discursos museográficos, coleccións ou actividades”, sinalou a Deputada.

“Ademais, neste mesmo Museo pode visitarse o proxecto EU… TI… ELAS… NOSOUTRAS, NOSOUTRXS EN REDE, unha exposición que se enmarca neste innovador proceso creativo e que forma parte da museoloxía social e de xéneros da Rede de Museística da Deputación, proxecto co que se trata de evidenciar a desigualdade no mundo da arte e da cultura”, declarou García Porto.

Relatorios

O Congreso comeza o xoves día 15, no Museo Provincial, onde se celebra a sesión de mañá, e continúa pola tarde no Pazo de Tor; o día 16 será no Museo do Mar, e o 17 en San Paio de Narla. Esta edición conta coa participación de máis de 25 representantes de diferentes asociacións, investigadores, profesores, así como promotores de iniciativas sociais en xéneros, activistas, persoas con capacidades diferentes, diversidade e educación que afondarán na visibilización e diversidade do tecido social.

Poñentes

Os poñentes que interveñen nestes xornadas son, entre outros, Víctor Fraga Gayoso, Psicólogo de Institucións Penitenciarías, co proxecto Guerrilla de Palabras; Mónica Álvarez San Primitivo e Nerea Rodríguez, que avanzarán o programa ACADAR, sobre Violencia contra as mulleres con discapacidade; Estella Freire e Candela Rajal sobre Espazos Resistencia. Ademais, intervirá a Directora do Museo da Tertulia de Cali (Colombia), Ana Lucía Llano Domínguez; Rosario Sarmiento falarán sobre “Arte e muller na Galicia contemporánea”. A Catedrática de Historia, Concha Gaudó presentará 100 anos de feminismo pacifista. Paula Cabaleiro, Ánxela Caramés e Lucía Canoura Sánchez explicarán a visibilizacion feminina, e Amelia Aguado Álvarez, presentará o relatorio “Raíñas guerreiras. O papel da muller tradicional africana a través das pezas do museo”, e Aitziber Urtasun: A arte como ferramenta social.