A Deputación mostra a empresa Idoia Cuesta como un exemplo de emprendemento rural

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo este un encontro con lucenses participantes no V Campus de Emprendemento Sostible, que o Goberno da Deputación ofrece a veciños interesados en emprender dándolles formación gratuíta. Campos Conde acompañounos na visita que realizaron á empresa Idoia Cuesta, situada no Concello de Outeiro de Rei, para coñecer de primeira man e in situ un modelo de negocio sostible e asentado no rural lugués. Son 7 lucenses os que ao longo desta semana están a recibir de xeito totalmente gratuíto formación, asesoramento individualizado e coñecemento sobre proxectos exitosos, co obxectivo de poñer en marcha os seus propios establecementos en calquera dos 29 Concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

Campos Conde lembrou que “as catro anteriores edicións do Campus de Emprendemento Sostible supuxeron polo de agora, pois continúa o asesoramento para a posta en marcha de máis proxectos empresariais, a xeración dun total de 21 novas empresas na provincia e, polo tanto, de novos postos de traballo no conxunto do territorio lugués. Agardamos que con esta quinta edición do Campus xurdan novas iniciativas coas que poñer en valor as Reservas Lucenses e que contribúan a fixar poboación no rural, pois as empresas creadas xa contribuíron a xerar riqueza en 10 Concellos lucenses”.

As accións formativas postas en marcha polo Goberno da Deputación contemplan, nunha primeira fase, os elementos principais a ter en conta á hora de abrir unha empresa, as oportunidades de negocio na provincia, ou os proxectos exitosos postos en marcha. Na segunda fase, traballase a maduración da idea empresarial de cada un dos participantes, analizando, por exemplo, a súa viabilidade comercial, técnica e legal a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental con exemplos prácticos ou a viabilidade económico-financeira a 5 anos.

Os participantes no V Campus de Emprendemento Sostible do Goberno da Deputación realizaron unha visita ás instalacións de Idoia Cuesta, situadas en Cela, no Concello de Outeiro de Rei, onde tiveron ocasión de coñecer de primeira man unha iniciativa empresarial exitosa enmarcada na Reserva da Biosfera Terras do Miño. O seu traballo baséase na fusión da cestería co téxtil e a versatilidade da peza resultante, a través da combinación de materiais orgánicos con diferentes técnicas artesanais. A natureza e a paisaxe que lle rodea no seu día a día non só a inspiran, senón que lle ofrecen a oportunidade de crear pezas sustentables, con formas orgánicas que transmiten a nobreza e calidez das materias primas que utiliza.

A formación gratuíta ofertada polo Executivo Provincial a través destes Campus permitiu, polo de agora, a creación de 21 novas empresas na provincia de Lugo. Estas son as seguintes: A horta da Sancoveiga (Vilalba); Esther Fernández Díaz (Ancares); Nenea, medrar creando (Lugo); Avogar (Lugo); Bico de Grao (Lugo); PK3 Ingenieros (Lugo); Marmeladas Acea de Olga (Lugo); WiseKid Summer Camp (Lugo); Mel Casa Príncipe (Cervantes); Explotación Extensiva de Gando Vacún (Sarria); Abadía (Mondoñedo); Bufarda Arquitectura (Monterroso); Esmorga Eventos (Mondoñedo); Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós (Outeiro de Rei); M3 Aguas (Lugo): ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas (Becerreá); Artesanía Calabazas Mago de Luz (O Corgo); Centro Shalom (Lugo); Caserío Meiroi (Navia de Suarna); Elexes, más que electricidad (Lugo); Hotel Os Ancares (Becerreá).

Etiquetas