Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro denuncia inundacións nas infraestruturas en mal estado

Por 16 Marzo, 2018Sin comentarios

O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, continúa a denunciar as carencias nas infraestruturas do concello de Outeiro de Rei. Nesta ocasión, Ferreiro amosou imaxes “destes días de choiva” nas que se ven claramente como a ponte romana da antiga N-VI entre Outeiro de Rei e Rábade se converteu nunha piscina. Ferreiro apuntou que “incluso os vehículos teñen dificultades para atravesar a ponte nestes días de choiva por que non se deixaron os aliviadoiros axeitados”. No día de onte estivo a maior parte da tarde cortada.

Ferreiro manifestou a súa indignación “algúns pensamos que xa non podemos sorprendernos máis, pero sempre chega algo que o supera” e cualificou de “traballos feitos ao estilo PP” as obras que se contratan “para cubrir expediente, pero ninguén se preocupa de como se executan e do seu resultado”. Hai escasamente dous meses, o Ministerio de Fomento, despois de anos de loita, por fin se animouse a arranxar a vella estrada N-VI, de Santa Mariña á Ponte Vella e o resultado é que agora cando chove cun pouco de intensidade, desvía toda a auga que baixa cara a ponte, no canto de metela para os desaugues.

O voceiro do BNG recoñeceu que “está a chover dun xeito extraordinario, pero tamén é certo que non se fixeran os traballos como é debido, sobre todo na época que non chove. A consecuencia do mal traballo de daquela pagámolo agora”. Ferreiro anunciou que o BNG seguirá traballando para que se faga o debido mantemento das vías do concello “sobre todo mentres o alcalde non executa unha boa parte do orzamento municipal porque non sabe en que investir os cartos”.