Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Adxudicada a construción da unidade de leite da Granxa Gayoso-Castro

Por 19 Marzo, 2018Sin comentarios

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou sobre a adxudicación dos traballos de construción da Granxa Experimental do Campus Terra en case 930.000 euros. Está previsto que as obras comecen no mes de maio. Con esta nova dotación da Granxa Experimental de Leite contribúese a investigación sobre a redución de custos e a incorporación de tecnoloxías no sector lácteo. Este centro garante o distintivo internacional da Facultade de Veterinaria. Estarán listas, polo tanto, para cando a Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education (EAEVE) visite a provincia para renovar a distinción internacional da Facultade de Veterinaria.

Esta nova dotación situarase nun nova nave, que se vai a construír, nunha finca de 15.500 metros cadrados da Granxa Gayoso Castro, que actualmente está sen uso e a carón de máis terreos para as cabezas de gando. Trátase dun centro de primeiro nivel que estará en funcionamento no curso académico 2018-2019. Terá capacidade para 70 vacas produtoras de vacún de leite, contará cun robot de muxido, cun centro de recepción de visitas onde se incluirá unha aula de actividades docentes, de formación e de divulgación, así como un laboratorio para actividades investigadoras.

Nesta mesma infraestrutura tamén se habilitará unha nave que acolla a alimentación do gando, silos con capacidades para almacenar as necesidades da explotación ou un espazo totalmente pechado no que se gardará a maquinaria. A Granxa Experimental do Campus Terra terá como obxectivos avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso. Con isto “pretendemos combater uns dos principais problemas que sofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite e a falta de man de obra e de calidade de vida dos seus profesionais. Ademais, buscamos conseguir que a Facultade de Veterinaria manteña o seu recoñecemento internacional”, destacou Campos.

A Granxa Experimental de Leite cubrirá unha parte importante de veterinaria e politécnica. Profesorado, alumnado e docentes de Veterinaria, poderán realizar prácticas de diferentes materias de veterinaria, enxeñería agrícola e alimentaria; máster de enxeñeira agronómica e máster de produción de leite, cun enfoque máis profesional e práctico en aspectos como manexo sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite ou produción agraria. Tamén se desenvolverán actividades de investigación en temas de interese para o sector e actividades de formación continua para profesionais do sector e gandeiros.