Conde destaca que o polo de Rozas permitiu crear 190 postos de traballo de alta cualificación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou no foro Emprendemento e Innovación. As claves para impulsar a competitividade, organizado polas Comisións de Novas Tecnoloxías e Comercio e Autónomos do PP de Lugo, que, grazas ao polo tecnolóxico e industrial Rozas, “Galicia está logrando facer un nome no sector aeronáutico”; un obxectivo, precisou, “no que se debe seguir traballando unidos”.

A este respecto, mencionou que “Galicia leva traballando tempo no desenvolvemento deste proxecto para xerar novas oportunidades entre as pemes galegas”. Así, en cifras, esta macro iniciativa representa neste momento 150 millóns de euros de capital público-privado mobilizado; a creación de 190 empregos de alta cualificación; 20 proxectos de I+D que están desenvolvendo Indra e Babcock; e 18 empresas e centros de coñecemento que participan neles, con contratos por valor de 18 millóns de euros.

Por iso, adiantou que os esforzos da Xunta céntranse agora en consolidar a súa actividade, ademais dos avances para a construción dos novos hangares. Deste xeito, Rozas será a base da futura aeronave do proxecto Fenyx, dedicado a tarefas de investigación do INTA, e lanzarase a Business Factory Aeronautic (aceleradora concebida como espazo de coworking e viveiro de startups no ámbito da aeronáutica).

O titular de Economía, Emprego e Industria deu a coñecer estes datos durante a presentación do Plan Galicia Innova 2020, que ten en marcha o Goberno de Feijóo e “que pon o acento nos protagonistas da innovación -as persoas-, potenciando a súa investigación e coñecemento; impulsando as empresas e sectores nos que traballan esas persoas; e apostando polo talento”.

Neste senso, destacou que é, precisamente, na innovación, onde está unha das claves para conseguir unha maior competitividade, que permita adiantar e ofrecer as solucións aos retos que unha sociedade como a actual, en continua transformación, demanda continuamente. Así, dentro deste novo plan, identifícanse varios eidos estratéxicos e, entre eles, atópase o sector aeronáutico. “Galicia quere ser un referente europeo en aviación non tripulada en campos como o salvamento marítimo, a xeolocalización ou a xestións dos recursos naturais”, afirmou.

O Plan, ao detalle

O Plan Galicia Innova 2020 destinará 1.775 millóns de euros para impulsar a xeración e transferencia de coñecemento especializado, captar e reter talento innovador, así como elevar o retorno e a implicación empresarial. Asemade, o Executivo autonómico pretende incrementar un 10% o número de traballadores ligados ao I+D+I en Galicia, ata os 10.400 empregos; aumentar un 15% o número de empresas innovadoras e lograr un 20% máis de inversión. Ademais, a meta é duplicar nese ano a porcentaxe do PIB dedicado ao I+D+I ata 1,7%.

Para incidir na creación e transferencia do coñecemento, o Goberno galego apostará por sectores xa consolidados ou en auxe, como a industria 4.0, a sanidade, a biotecnoloxía ou o sector da aviación civil non tripulada. En canto á captación e retención de talento, está previsto que se poña en marcha un plan de fomento de vocacións investigadoras a todas as idades e colectivos, de xeito que os estudantes se inclinen por titulacións de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñerías ou Matemáticas, pero tamén con instrumentos para emprendedores, investigadores e profesionais.

En canto ao retorno, a Xunta continuará apostando pola colaboración público-privada e porá en marcha “Hubs” (centros) de innovación dixital, nos que participen dende centros de investigación, universidades, clusters, asociación sectoriais, inversores e administración. Polo que respecta ao talento, continuarase cos programas integrais de aceleración e excelencia dirixido ás startups e implementaranse novos programas como o “Doutorado Industrial” ou “talento senior”, dirixidos a profesionais experimentados; e manteranse as axudas a investigadores.

Continuidade ao proxecto de Candia

Con este foro, desenvolvido no hotel Méndez Núñez, dende o PP, que dirixe Elena Candia, continúase achegando o Partido á cidadanía e aos principais axentes económicos e sociais non só de Lugo, senón tamén da provincia. É por este motivo, polo que a dirixente dos populares, encargada da clausura do encontro, agradeceu aos organizadores a iniciativa, sobre todo, indica, “porque é un paso máis que damos para contribuír a impulsar os autonómos e as pequenas e medianas empresas de base tecnolóxica ou non, que son, en definitiva, as que sustentan a economía provincial”. A xornada tamén contou coa intervención da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.

Etiquetas