Skip to main content
ActualidadeCospeito

Darío Campos inaugurará o día 6 de abril a Moexmu 2018

Por 26 Marzo, 2018Sin comentarios

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde, será o encargado da inauguración o vindeiro venres 6 de abril, a partir das 19 horas, da XXXIV edición da Mostra Exposición de Muimenta – MOEXMU.

O presidente da Administración provincial aceptou o convite que a comisión organizadora lle realizou o pasado mes de febreiro na reunión que mantiveron nas oficinas do Recinto Feiral Manuel Vila López de Muimenta.

Todo está listo para a celebración na primeira fin de semana de abril da Moexmu 2018, a feira agrícola máis importante da comarca e tamén unha das máis destacadas da comunidade galega.

A comisión organizadora deste ano manterá unha programación moi similar á do ano pasado. Non faltarán por supuesto o concurso de gando, que leva 32 edición, e a poxa de gando, con 21. Completarse coma sempre  coas exposicións de maquinaria, artesanía e produtos galegos de calidade.

Na pasada anualidade, este certame xuntou a 108 cabezas de gando, cun valor de 312.900 euros; así como 100 expositores de venda de produtos artesanais, gastronómicos, mobles, automóbil ou maquinaria agrícola, entre outros.

Unha das novidades que se coñecen é o xuíz asignado este ano pola Conafe para a XXXII edición do Concurso de Gando Frisón da MOEXMU, que será José Manuel Paz Conde, de Setién (Cantabria). Este especialistas xa participou nas edicións dos anos 2006 e 2010.

José Manuel Paz Conde é responsable de Granxa La Marina de Retortillo, en Rioturbio (Comillas, Cantabria), que conta cun sistema de estabulación libre con cubículos de arena. Actualmente ten 50 vacas en ordeño, 12 delas en boxes, ademais dunha finca de 30 hectáreas dedicadas a pradeira e millo. A media de cualificación é de 86,5 puntos, con 6 vacas cualificadas EX, 30 MB e 5 BB. A media de producción, a 305 días, está arredor dos 11.000 kg. de leite ao 3,90% de graxa e 3,40% de proteína.

No ano 1998 José Manuel comezou a xuzgar certames de ámbito rexional e comarcal e dende entón ten participado en concursos por toda España, destacando a do XXV Concurso Rexional de Asturias en 2003, o IX Concurso Nacional de Primavera (Mollerusa, 2006), o XXXI Concurso Nacional de Outono (Xixón 2010) e o Concurso Catalán FEFRIC 2015 (La Seu d’Urguell).

Xuzgou tamén o Concurso Micaelense (Portugal, 2002) e o de Piacenza (Italia, 2003), ademais do concurso Ponte de Lima-Alto Miño (Portugal 2013). En 2004 foi designado xuíz representante de CONAFE, integrante do equipo internacional de xuices para a sección de grupos por países, na Confrontación Europea celebrada en Bruselas.

PREGOEIRO. Por outra banda, tamén se sabe que  o xornalista Juan Carlos Rodríguez será o pregoeiro da XXXIV edición da MOEXMU que se inaugurará o vindeiro venres 6 de abril, a partir das 19 horas.

Xornalista destacado da provincia de Lugo dende fai anos, destaca no seu traballo na Cadena Ser, onde presenta e dirixe, dende fai un cuarto de século, o programa decano matinal da provincia Hoy por Hoy Lugo. Leva toda a súa vida profesional traballando na Cadena Ser, sempre en emisoras vinculadas ao grupo.

O xornalista, que ten raíces familiares en Muimenta, colle o relevo do escritor e tamén xornalista Paco Nieto Rodríguez.