Castro de Rei acorda por unanimidade homenaxear a Anxo Lamas

O Pleno de Castro de Rei aprobou a moción presentada polo BNG na que se pedía chegar a un acordo para facer unha homenaxe pública á figura e á obra de Anxo Lamas, poñéndolle o seu nome a un equipamento cultural ou espazo público de propiedade municipal.  Ademais, a voceira municipal do BNG, propuxo crear unha comisión con representantes dos grupos municipais e aberta á participación das entidades culturais e persoas interesadas, para debater e escoller o lugar e o espazo máis acaído a figura de Anxo Lamas.

Deste xeito, a corporación acordou en primeiro lugar facer unha reunión aberta a todas as asociacións e colectivos na que debater as distintas propostas. Dita reunión terá lugar no teleclub de Bazar e será un sábado para facilitar a asistencia a todos os veciños que así o desexen, incluíndo a aqueles que se atopan fóra do concello.

A data aínda non foi escollida pero darase a coñecer en canto o Concello a estableza, xa que será o encargado de liderar esta ación de homenaxe.

Anxo Lamas Muinelo, natural e veciño de Bazar e un artista polifacético que desenvolveu, ao longo da súa vida, unha intensa e brillante actividade artística, primeiro como escultor e pintor e, ultimamente, tamén como poeta. A súa obra é moi extensa e foi exposta e espallada polo mundo. Pola súa cualidade humana e artística recibiu en vida moitos recoñecementos: Veciño de Honra de Bazar, Socio de Honra do Instituto de Estudos Chairegos – IESCHA, Baluro de Honra de Castro de Rei, as Mans de Irimia en Meira, a Navalla de Manuel María en Outeiro de Rei… entre outros.

Etiquetas