Skip to main content
ActualidadeRábade TERRACHÁXA

Dá comezo en Rábade unha nova edición do Máster de Futbolín

Por 28 Marzo, 2018Sin comentarios

O deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao alcalde de Rábade, Francisco Xosé Fernández Montes, e o concelleiro de Deportes, Alejandro Martínez Campos, presentaron este mércores o XXI Máster Nacional de Futbolín de Rábade, que terá lugar o xoves, venres e sábado. No acto tamén participou o presidente da Asociación de Futbolín Bola Meiga, José Manuel Candal Barreiro. O organismo provincial colabora con esta asociación e co Concello de Rábade achegando 1.500 euros para facer posible a organización deste evento xa consolidado.

Rivera Capón subliñou que “o Máster de Futbolín de Rábade é unha cita que ano a ano logra atraer a un maior número de persoas, entre participantes e veciños da comarca que se achegan a presenciar un espectáculo único na provincia. Así, xa hai inscritos 500 xogadores de todas as comunidades autónomas españolas e, polo tanto, non me cabe dúbida de que esta vixésimo primeira edición será un novo éxito”.

Pola súa parte, Martínez Campos agradeceu “o compromiso e a colaboración do organismo provincial con esta cita” e lembrou que “como en anteriores edicións, haberá cinco modalidades de xogo e tres niveis, onde se repartirán 10.000 euros en becas deportivas. Ademais, haberá premios para todas as modalidades e camisetas de recordo para os participantes”.

O MÁSTER 2018

Parellas de toda España reuniranse os días 29, 30 e 31 de marzo no Máster de Futbolín de Rábade, un torneo que reparte uns 10.000 euros en premios e que dende hai vinteún anos ameniza a Semana Santa na Chaira.

O Gran Máster Nacional de Futbolín contará novamente este ano con bater o récord de participantes e poder chegar aos 500. O ano pasado quedaron en 211 parellas nunha progresión que vai en aumento desde o ano 2010 tras un pequeno baixón durante os anos de crise.

Como novidade, este ano os premios serán de maior cuantía. Repartiranse un total de 10.000 euros

O maior será o de campión en movemento que este ano estará dotado de 1.400 euros e trofeo, mentres que o de parado recibirá 1.200 euros.

O resto de premios, ata un total de 22, oscilarán entre os 700 e os 50 euros.

Ademais da cuantía económica, os trofeos serán diferentes xa que se elaborarán de forma personalizada e terán un deseño exclusivo e orixinal.

Utilizando as cores do concello, os tradicionais bonecos de futbolín irán acubillados dentro dunhas zocas deseñadas e realizadas para a ocasión polo artista de Alfoz Alberto Geada.

“A idea era facer un trofeo diferente e orixinal. Esperamos que sexa do gusto dos participantes”, explica Lolín, organizador e impulsor deste evento deportivo.

Haberá tamén o trofeo Alejandro Finisterre, para o xogador máis regular, o trofeo Concellería de Deportes para o mellor xogador, o trofeo Concello de Rábade para a mellor xogadora e o trofeo David García, para o mellor porteiro.

Os gañadores das categorías raíña recibirán ademais do premio económicos a estancia do ano que vén no Coto Real. Tamén repartiranse entre toudos roupa deportiva dos moitos colaboradores do evento.

TURISMO. Este evento é para Rábade un impulsor da economía da zona durante a Semana Santa xa que trae para o concello un gran número de turistas, que aproveitan os días festivos para pasar as vacacións coa familia na zona. De feito, veñen parellas de afeccionados de todas as partes do territorio español.

Segundo avanza Lolín, xa teñen confirmada a presenza 20 parellas de Barcelona, ademais de xogadores da zona norte, de Castela e de Andalucía. Tamén haberá, por primeira vez, representación vasca con dúas parellas de Bilbao.

O prazo das inscricións, que custan 25 euros por persoa, pecharán o día 27 de marzo, cando se coñecerán finalmente o número de participantes e a súa procedencia.

A comisión organizadora deste evento xa ten todo listo para esta nova edición, que, como sempre, disputarase no pavillón do colexio e nas cafeterías Papyrus e Os Castro.

O mércores 28 de marzo darase o pistoletazo de saída coa presentación do evento e o sorteo de equipos, aínda que as competicións iniciaranse o xoves a partir das 16.00 horas coa modalidade infantil e de parellas cegas.

O venres será o día dedicado ás modalidades en parado e feminina e o sábado pola mañá a de movemento. As finais serán o sábado a partir das 21.00 horas.

PROGRAMACIÓN 

A programación do XXI Gran Master Nacional de Futbolín é a seguinte:

Xoves, 29 de abril:

  • 16:30 horas: Comezo do máster (Modalidade infantil 2000-2017)
  • 17:00 horas: Sorteo de parellas cegas
  • 18:00 horas: Modalidade ‘Combinada parellas cegas’

Venres, 30 de abril:

  • 12:00 horas: Modalidade ‘En parado’
  • 17: horas: Modalidade ‘Feminina’

Sábado, 31 de abril:

  • 11:00 horas: Modalidade ‘En movemento’
  • 21:00 horas: Finais
  • 23:00 horas: Entrega de premios e clausura