Rematan as obras da senda peonil entre Feira do Monte e a Lagoa

A Xunta de Galicia financiou no concello de Cospeito a construción dunha senda peonil que conecta o núcleo urbano de Feira do Monte coa Lagoa, dando continuidade ás visitas turísticas en torno a este recurso natural que teñen como referentes o Museo das Aves e o Centro de Interpretación da Lagoa.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que esta actuación contou con orzamento de 40.000 euros, dos cales a Xunta achegou o 80% (32.000 euros) a través do Fondo de Compensación Ambiental que xestiona a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Balseiro visitou hoxe a senda xunto co alcalde, Armando Castosa, entre outros.

O novo camiño peonil discorre pola beira da estrada, nun tramo de preto de medio quilómetro dunha área con altos valores ambientais, e contribuirá a vincular e integrar o Museo das Aves coa Lagoa e o seu centro de interpretación, reforzando o atractivo desta proposta de turismo de natureza.

A senda foi construída con materiais de alta durabilidade e atendendo aos criterios de harmonización co entorno e accesibilidade. Así, mellorouse a base de pavimentación e cubriuse cunha capa de rodadura con acabado en formigón en color ocre con vigas de madeira de pino tratado transversais ao sentido da marcha, e travesas de madeira envellecida colocadas lonxitudinalmente no sentido da marcha, de maneira que delimiten a zona peonil respecto á do tráfico de vehículos.

No último tramo da senda executouse unha banda con grava sobre a que se asentaron lousas do país de formato variable. En conxunto, o ámbito a urbanizar alcanza unha superficie total de 1.056 metros cadrados.

Etiquetas