Skip to main content
ActualidadeVilalba

O rol da nai gaña o certame de microrrelatos organizado polas xuventudes socialistas de Vilalba

Por 3 Abril, 2018Sin comentarios

As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de outorgar o primeiro premio do Certame Literario Mª José Vázquez Verdes a Vanesa Otero Orosa polo seu microrrelato Nunca está. Nesta terceira edición a convocatoria cinguiu a temática ás reivindicacións feministas para dar visibilidade ás discriminacións de xénero con motivo do mes no que se celebra o Día Internacional da Muller, que este ano tivo especial repercusión polas mobilizacións en todos os territorios do país.

A obra que resultou gañadora tras a deliberación do xurado, formado pola docente do IES Santiago Basanta Silva Araceli Paz Veres e a xornalista María Roca Ramudo, versa sobre a situación que atravesan moitas nais froito dun rol imposto que se sustenta nunha sociedade patriarcal desde a perspectiva dunha nena, dunha filla. Pequenos detalles e comparativas entre a crianza da nai e do pai que se observan cunha mirada infantil vislumbran as diferencias na crianza dos fillos, que esconden detrás a cultura machista que sitúa ás mulleres como coidadoras e relegadas sempre a un segundo plano, e que fai case imposible a conciliación entre a vida laboral e familiar.

Tras a entrega do primeiro premio á gañadora do concurso, o Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Vilalba, Miguel González, agradeceu a participación de todas as persoas neste terceiro certame, así como a colaboración do xurado, e subliñou que “iniciativas coma esta intentan contribuir á visibilización das desigualdades mediante a cultura, neste caso en concreto a través de pezas literarias de non máis de 200 palabras, nas que se condensan situacións coas que todos e todas estamos familiarizados e contra as que temos que loitar día a día para acadar un mundo máis xusto e igualitario entre mulleres e homes”.