Skip to main content
ActualidadeCospeito

Arrinca a Moexmu 2018

Por 4 Abril, 2018Sin comentarios

O Concello de Cospeito, e máis concretamente Muimenta, acollerá a fi nde semana do 6 ao 8 de abril a XXXIV edición da Mostra Exposición Moexmu 2018, que englobrará un novo concurso de gando frisón (na súa XXII edición), unha mostra de raza rubia galega (XXII edición) e a poxa de gando selecto (na súa edición número XII).

Sen dúbida, o recinto feiral Manuel Vila López convertirase no centro do agro galego cun programa que este ano aínda está máis enriquecido que en anos anteriores con moita máis actividade e  sorpresas.

O programa arrincará o venres ás 19.00 horas, momento no que terá lugar a inuaguración oficial coa participación das máximas autoridades e do grupo de gaitas ACM Cainvanca, que serán os encargados de pór música a este momento especial. O pregón, que se lerá a continuación, estará a cargo do periodista lugués da Cadena Ser Juan Carlos Rodríguez. De feito, este día inaugural estará dedicado á terceira idade, polo que varios autobuses percorrerán o concello de Cospeito e os limítrofes para facilitar o acceso aos maiores ao recinto. De feito, este primer día a entrada ao recinto feiral, que abrirá ás 16.00 horas, será de balde, mentres que os outros dous días terá un custe de 3 euros para os maiores de 12 anos.

O sábado terá lugar, a partir das 10.00 horas, o concurso de gando frisión, o único concurso de gando que ten lugar na provincia, e ás 12.00 será a vez da poxa de gando selecto.

No concurso deste ano haberá 21 seccións e campionatos con trofeos para os máis destacados participantes. De feito, o propietario da vaca campioa recibirá 1.750 euros, 500 para a xovenca campioa e 250 para o mellor criador. Nesta edición participarán 30 gandeirías con 100 cabezas de gando, entre o concurso e a poxa. Por outra banda, na exposición de Raza Rubia Galega participarán 50 exemplares. O xuíz encargado este ano do concurso será José Manuel Paz Conde, que xa participou noutras dúas edicións da Moexmu.

A tarde do sábado cobrará protagonismo a parte expositiva da feira, na que haberá demostracións en vivo de oficios a cargo do CENTRAD e doutros colectivos. Hai un total de 25.000 metros cadrados adicados a exposición, dos cales, 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada, coches e motos. Complétanse os 110 expositores con stands nos que poderá verse artesanía popular galega, produtos de calidade, viños, mel e utensilios entre outras variedades. A representación galega é a máis destacable aínda que tamén acudirán expositores das provincias limítrofes.

O domingo haberá concurso de manexadores pola mañá e a entrega de trofesos aos gañadores das diferentes seccións do concurso de gando. Todo isto antes do xantar, cando se clausurará oficialmente a feira.

Nesta edición, o programa ampliarase á tarde do domingo cunha nova demostración de oficios artesáns, unha xornada técnica sobre fertilización orgánica, a cargo de Adolfo López Fabal, profesor da USC, e o Concurso Monográfico de Raza Can de Palleiro.

O orzamento total da mostra ronda os 100.000 euros e na súa financiación participan Deputación Provincial e Xunta de Galicia ademais doutras entidades públicas e privadas.