O IES Fonmiñá da Pastoriza mellorará a súa accesibilidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria executará proximamente obras de mellora da accesibilidade no IES Fonmiñá, na Pastoriza, destinadas a habilitar un acceso para as persoas con mobilidade reducida e tamén a facilitar o paso de vehículos voluminosos ao recinto cando puntualmente sexa preciso.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que tamén se levarán a cabo traballos para mellorar a seguridade no ximnasio do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Bretoña, coa colocación de proteccións a base de espuma en diferentes puntos.

En conxunto, a consellería inviste 29.000 euros nas reformas a realizar nestes centros da Pastoriza, que se acometerán á maior brevidade sempre que non interfiran no normal desenvolvemento da actividade lectiva.

As obras no IES Fonmiñá, que xa están contratadas, requirirán demoler parte do muro de formigón que pecha a parcela e instalar unha porta metálica corredoira; executaranse soleiras en formigón e delimitarase o acceso para persoas con mobilidade reducida con remate de baldosa e varanda, entre outros traballos.

Balseiro lembrou que estas melloras enmárcanse na programación habitual de obras de mantemento e conservación da consellería, que “permanece atenta ás necesidades dos centros para darlles resposta, procurando que as instalacións estean nas mellores condicións posibles porque a accesibilidade, a seguridade e o confort tamén determinan a calidade do ensino público”.

Etiquetas