Xermade destina unha subvención á mellora enerxética e a unha retroexcavadora

A Vicepresidencia da Xunta de Galicia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegou preto de 60.000 euros ao concello de Xermade destinados a impulsar melloras de eficiencia enerxética na iluminación pública e tamén, adquirir unha nova retroescavadora.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Roberto García Guillén, visitou as actuacións levadas a cabo grazas ás axudas da Vicepresidencia, en concreto, con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.

No que respecta á primeira das actuacións –a de mellora da iluminación publica-, actuouse nas parroquias de Casanova (Roupar de Riba) e Os Currás (Candamil) coa instalación de 70 novas luminarias, disposición de sistemas de acendido baseados no reloxo astronómico e implantación de novas medidas de seguridade e mantemento.

“Con esta actuación, ademais de mellorar de xeito significativo a iluminación de todo o entorno grazas á introdución da tecnoloxía LED, contribuímos a aforros na factura eléctrica, de entorno ao 50% e, tamén, diminuímos a contaminación ambiental”-explicou Balseiro

Por outra banda, as achegas da Xunta permitiron a adquisición dunha retroescavadora que se empregará para tarefas ambientais e de mantemento e coidado de espazos naturais, pistas, camiños e outras superficies forestais.

“Esta nova maquinaria permitirá desenvolver tarefas básicas á hora da garantir a prevención e extinción de incendios forestais e, de xeito especial, en zonas situadas na Rede Natura ou en espazos de especial protección ambiental”

A Xunta continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos concellos galegos con subvencións directas procedentes do Fondo de Compensación Ambiental que o Goberno galego creo en 2010. Estas axudas da liña non competitiva do fondo correspóndelles aos concellos que teñen no seu territorio municipal un parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.

Etiquetas