O BNG de Outeiro de Rei fará unha proposta no pleno para mellorar o saneamento

O voceiro do BNG no concello de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, informou da presentación dunha iniciativa para ser tratada no Pleno do Concello na que se propón “que utilizando fondos propios, ou con achegas doutras administracións, se financie a ampliación da rede de saneamento ás zonas rurais do concello”. Xosé Ferreiro sinalou que o concello, cos fondos dos que dispón, podería financiar a construción da rede de saneamento no barrio de Penelas, na parroquia de Robra, e na parroquia de Astariz.

O voceiro do BNG pedirá, tamén, que se lles devolvan as cantidades que tiveran pagadas as veciñas e veciños polas acometidas de auga que o concello está a cobrar. “Neste momento veciñas e veciños están pagando polos entronques nas casas que ronda e supera os 1.000 euros por casa” explicou Xosé Ferreiro. Dende o BNG lembrou que “ao concello de Outeiro de Rei correspóndelle unha cantidade que supera amplamente os 300.000 euros do Plan Único da Deputación, dos cales cando menos a metade terán que ir obrigatoriamente destinados a investimento real e parte dese investimento podería ir adicada a ampliar a rede actual de saneamento a outros núcleos de poboación utilizando para elo criterios obxectivos para determinar as prioridades”.

“Polo que veñen transmitido veciños e veciñas do barrio de Penelas, na parroquia de Robra, e anteriormente os da parroquia de Astariz, o concello ofreceulles a posibilidade de engancharse ao sistema de saneamento que están planificando ou construíndo, previo pago da parte que lles puidera corresponder do custe das obras, custe por vivenda que en todos os casos ronda ou supera os 1.000 euros” informou o voceiro do BNG.

Para o BNG, esta forma de actuar por parte do Concello é totalmente inadmisible, dado que un concello non debe dedicarse a facer servizos básicos repartindo o custe entre os usuarios como se dunha empresa privada se tratase. Todos e todas as cidadás pagamos impostos polo que temos que ter unhascontraprestacións por parte das administracións, contraprestacións ou servizos nas que debemos ser tratadas e tratados por igual, sen discriminacións, sobre todo cando se trata da administración que está máis preto da cidadanía como é o concello.

Etiquetas