Skip to main content
Actualidade

O Concello de Outeiro de Rei crea unha serie de parques con froiteiras

Por 25 Abril, 2018Sin comentarios

O Concello de Outeiro de Rei vén de crear unha serie de parques temáticos de froiteiras co obxectivo de poñer en valor as zonas verdes das distintas urbanizacións do termo municipal.

Así, polo momento ten creadas catro zonas, dúas no Salete, un parque de castiñeiros e outro de ameixeiras, e outras dúas nos Alargos, unha de maciñeiras e outra de cerdeiras. En total, nas dúas zonas plantáronse 23 árbores de diferentes variedades e en cada un destes espazos instalouse  un pequeno panel informativo.

Tres das catro zonas froiteiras foron ubicadas en parques infantís para fomentar o uso das zonas verdes.

Tal e como comentou o alcalde, José Pardo Lombao, estes parques xorden pola celebración dun curso organizado polo Concello sobre poda, enxerto e plantación de frutais, impartido pola empresa Nuevos Jardines nos meses de febreiro e marzo e no que participaron un total de 15 persoas. Parte das prácticas incluían a plantación e foron as persoas participantes no curso as que plantaron as cerdeiras e maciñeiras.

O curso tivo unha duración de 20 horas e os parquea supuxeron un investimento de 23.012,58 euros. Segundo indicou Pardo Lombao, é importante que as árbores supoñan dar valor á zona pero tamén aportar os froitos para os veciños.

INVESTIMENTOS NA ZONA

O alcalde lembrou tamén que está en fase de contratación o proxecto de unión das urbanizacións de Triacua e O Salete a través de beirarrúas e aparcamentos pola marxe esquerda para facilitar o movemento peonil dos veciños e unificar tamén deste xeito a zona.

Paralelamente se está a contruír unha pista polideportiva de formigón para facilitar a práctica deportiva aos moitos veciños da zona. Este proxecto ten un orzamento de 170.000 euros e subvencionarase con fondos propios e a través do Plan Único da Deputación.

Por outra banda, o alcalde comentou tamén que está todo listo para que poda contruírse un centro comercial na zona de Triacua. “Trátase dunha iniciativa privada e a única función nosa era a recalificación dos terreos e iso está feito, polo tanto só queda esperar que vaia para diante”, explicou o alcalde, que tamén destacou que “hai población necesaria na zona para que sea rendible”.