Todo listo para unha nova edición das Xornadas do Medio Rural de Friol

A Asociación Cultural Carballo Vivo organizará nesta localidade friolense a sexta edición das Xornadas de Interpretación e Dinaminación do Medio Rural, que terán lugar os días 17, 19 e 26 de maio, aproveitando a celebración do Día das Letras Galegas.

Estas xornadas pretenden contribuír a promover o interese pola cultura e tradicións dos diferentes lugares que forman o Concello de Friol, ademais de supor unha oportunidade para analizar a situación do rural e poder coñecer experiencias e estratexias que permitan contribuír a impulsar iniciativas de desenvolvemento cultural, social e económico.

Entre os obxectivos desta xornadas figuran proporcionar espazos de encontro, intercambio e formación entre os veciños para afondar no coñecemento da historia e patrimonio. A integración de todos os colectivos é tamén un dos eixes destas xornadas, que están abertas a todos os públicos.

A primeira sesión terá lugar o día 17 de maio a partir das 16.00 horas co título Día das Letras Galegas. Tras a inauguración terá  lugar a narración dun texto de María Victoria Moreno por parte dos alumnos do colexio de Friol, ao que seguirá unha obra de teatro a cargo do grupo Teatro Accidental Carballo Vivo co título Unha escola en branco e negro.

Pechará o programa a actuación do grupo tradicional 25 Xastres.

O 19 de maio, sábado, reiniciarase a programación pola mañá cunha conferencia dirixida ao coidado da saúde mental, a cargo de FEAFES e un coloquio.

Pola tarde haberá un acto homenaxe a Celestino Fernández de la Vega cun monólogo do narrador e mestre Lois Pérez. Finalizará a xornada cunha cea no restaurante Roimil.

O 26 de maio terá lugar a última das xornadas dirixida a convivir co lobo. Haberá ponencias sobre distintas experiencias en granxas de cabras e ovellas, ademáis de diferentes puntos de vista e aportacións sobre esta cuestión, tan ligada á agricultura e gandeiría da comarca.

Consulta aquí o programa completo

Etiquetas