Muimenta prepara a X Festa de Xogos Tradicionais

A décima edición da Feira de Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) en Cospeito, a única en Galicia adicada aos xogos tradicionais, será o 2 de xuño no recinto feiral Manuel Vila López.

Nesta nova edición haberá uns cen xogos tradicionais, a maioria ancestrais que se practicaban na comarca chairega. Entre todos haberá unha mostra de billarda, birlos, loitas ou o lanzamento con tirachinas. Xogos como o agocho ou as catro esquinas, sinxelos e populares hai anos, son algúns dos que se poden descubrir nas demostracións de Xotramu. A asociación adoita realizar bastantes desprazamentos ao ano.

“Puxemonos en contacto coas ANPAS dos colexios, para ver se poden facer xogos apropiados para os mais pequenos, onde haberá monitores para todos” di o coordinador de Xotramu, José Lombardero. “Dende que comezou Xotramu, que o fixemos medio en broma medio en serio, conseguimos que na maioría das festas fagan unha demostración de xogos tradicionais,  e durante estes dez anos hai un montón de festas que os incluen, e sentimonos moi orgullosos” engade Lombardero.

O recinto feiral será o escenario dos xogos tradicionais infantís: aro, carreira de sacos, brilé, comba, etc., durante a mañá do sábado 2 de xuño na que tamén está previso celebrar un campionato de bolos en liña con trofeos para os gañadores. Xa pola tarde haberá xogos, sobre todo para os adultos: carreiras de cántaros, arrebolamento de sacho, chave de madeira, etc. Tamén poderanse coñecer os xogos tradicionais doutras zonas e non faltará a competición de brisca para maiores.

Xa pola tarde celebrarase o Aberto de Billarda Filloa 2018 no que se entregarán filloas aos tres primeiros clasificados.

Coma todo os anos haberá un menú de 5 euros para cativos e 11 para adultos, e as ANPAS poden traer a súa comida, e será no recinto cuberto, aínda que depende do tempo. O que queira participar ou colaborar pode poñerse en contacto a través de xotramu@gmail.com

 

Etiquetas