O Concello de Outeiro de Rei oferta un espazo no viveiro industrial

Trala renuncia presentada por un dos emprendedores que tiñan espazo adxudicado no viveiro industrial municipal de Outeiro de Rei, informase a todas as persoas interesadas que na actualidade hai unha nave dispoñible de 65 m2. Esta nave propiedade do Concello é a única dispoñible das 5 que ofertaban, e que agora están ocupadas por emprendedores de diferentes sectores como bicicletas eléctricas, panadería, unha fabrica de mobles de palet ou a serigrafía de bolsas de papel, pero aínda están en trámites de proxectos e de comezo do seu traballo.

O tempo de permanencia no viveiro será de doce meses estando prevista a posibilidade de prorrogar este prazo de estancia por motivos extraordinarios por un período máximo de doce meses. O primeiro ano os concesionarios usarán de balde as instalacións, e só terán que pagar o seu gasto de luz. Ademais, o segundo só pagarán un euro por metro cadrado de terreo. O viveiro industrial de Outeiro de Rei está dirixido a empresas de nova ou recente creación de carácter industrial.

Terán a consideración de candidatos para o uso do viveiro industrial aquelas persoas físicas ou xurídicas con proxectos de creación de empresas e empresas establecidas que vaian desenvolver unha nova liña de actividade e que cumpran os seguintes requisitos previos:

a) As empresas non constituídas terán 3 meses para facelo desde a data da resolución.

b) Empresas constituídas nun prazo inferior aos 6 meses desde a data de solicitude.

c) Ter domicilio social e fiscal en Outeiro de Rei na data de resolución.

No caso de empresas con domicilio fóra do Outeiro de Rei, terán un prazo de 3 meses desde a data de resolución para domiciliarse en Outeiro de Rei.

d) A empresa deberá desenvolver unha actividade empresarial de carácter industrial.

e) As empresas deben presentar un proxecto que garanta a súa viabilidade económica e técnica e unha solicitude de admisión. A persoa ou empresa encargada polo Concello de Outeiro de Rei do asesoramento empresarial, será a encargada de  valoralo e facer un informe.

Neste momento as solicitudes de espazo resolveránse segundo se presenten e ata cubrir o espazo dispoñible. O prazo de presentación ten vixencia indefinida. Ademais pódese recibir máis información no teléfono 982 399 908 ou nas instalacións do viveiro os martes en horario de 10:00 h a 14:00 h no parque empresarial de Outeiro de Rei, Rúa do Acibro, nº 2 .

Etiquetas