Antonio Cendán, gañador do primeiro premio literario de Bazar

O periodista Antonio Cendán Fraga foi o gañador do certame literario convocado polo Centro Cultural Ignacio Rey Stolle de Bazar (Castro de Rei), con motivo do seu cincuentenario. Este primeiro premio, dotado con 500€ e trofeo, foi para o traballo Breve historia de Bazar e o seu Teleclub.

O segundo premio, dotado con 250€ e trofeo, foi para o traballo O Mago, de Benito Ónega Quintela. O xurado tamén convocou un premio especial, de 250€ e trofeo, para o mellor traballo dun estudante do Concello de Castro de Rei, para Historia, de Iria Pérez Piñeiro, de 10 anos, alumna de 5º de Primaria do colexio Veleiro Docampo, de Castro de Ribeiras de Lea.

Ademais, pola calidade dos seus traballos, concedeuse unha mención de honra dotada con trofeo, a Volver, de Alejandro P. Ferreiro, de Bazar, e Namorada de ti, verde compañeira, de Maite Cupeiro Aguiar, de Coea-Castro de Rei.

Os premios serán entregados no decurso das celebracións do cincuentenario do Centro Cultural Ignacio Rey-Stolle, de Bazar-Castro de Rei.

O xurado estivo formado por Severiano Ónega Ares, da Fundación Blas da Ponte de Outeiro; José Luis Ramudo Ramudo, xornalista; José María Teijeiro Regueiro, secretario do Centro cultural e do Certame Literario, e Xulio Xiz Ramil, xornalista.

Etiquetas