En Marea solicita para Vilalba prazas públicas en residencias de maiores e centros de día de maiores

A deputada de En Marea Paula Vázquez Verao levou a debate no Parlamento de Galicia unha proposta para instar á Xunta a estudar a posibilidade de dotar a Vilalba dunha residencia pública de atención a persoas maiores, utilizando as instalacións do centro educativo Castelao, da parroquia de Belesar. En Marea tamén propuxo ao Parlamento comprometerse co aumento das prazas públicas de residencia e centro de día no concello de Vilalba, de xeito que se cubra a demanda antes de 2020. Porén, no curso do debate o PP sinalou que nesa localidade non hai demanda suficiente. Unha afirmación falsa, pois a realidade é que persoas maiores usuarias de centro de día teñen que acudir a outros concellos limítrofes para poder beneficiarse deste servizo.

A evolución demográfica de Vilalba sitúanos nun escenario de descenso de poboación, cunha taxa de natalidade de 6,27, fronte a unha taxa de mortalidade do 15,53, sen que os movementos migratorios compensen o saldo vexetativo negativo. Deste xeito, a poboación de Vilalba reduciuse en 1.623 efectivos dende os 16.110 habitantes en 1991 até hoxe.

O Concello de Vilalba contaba en 2017 (IGE) con 14.354 habitantes, dos cales o 28,6% tiña máis de 65 anos, sendo o índice de avellentamento dun 215,5/1000. Malia este panorama demográfico, o concello só conta con residencia privada, con escasas prazas financiadas. Por outra banda, o centro de día, rematado en 2007, non foi posto en marcha en marcha ata 2018; e entrou en funcionamento como unha unidade de atención a persoas con alzhéimer de xestión privada, con prazas concertadas financiadas por Xunta e Concello.

A inexistencia do recurso de centro de día público está a provocar que persoas usuarias deste servizo se teñan que desprazar a outros concellos.

A pesar da evidente necesidade, a proposta de En Marea; que instaba ao goberno galego a “realizar todas as accións precisas, inluíndo o estudo de dispoñibilidade de uso dos equipamentos públicos, para que o Concello de Vilalba dispoña do número de prazas públicas, tanto de residencias para maiores como de centro de día, en número suficiente para atender a demanda da poboación do Concello antes de 2020”; foi rexeitada polo Partido Popular.

Etiquetas