A USC impartirá cursos de verán en Guitiriz, As Pontes e Muras

A Universidade de Verán da USC ofrece este ano un total de 51 cursos de moi variada temática a desenvolver en dezaseis localidades, entre elas Guitiriz, As Pontes e Muras. A estes hai que sumar outros 30 do Centro de Linguas Modernas cunha oferta específica entre os meses de xuño e setembro para dezaseis linguas.

Os detalles da programación da Universidade de Verán presentáronos o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López; o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro; e a directora do Centro de Linguas Modernas (CLM), Katerina Vlasakova.

As persoas inscritas nun curso de verán recibirán, sempre que asistan ao 80% das horas lectivas, un diploma acreditativo da súa participación e no caso dos idiomas do nivel, ademais do recoñecemento a efectos de créditos ECTS para o estudantado de ata dous polos cursos de máis de 25 horas (no caso dos de menos carga docente, o recoñecemento será por un crédito).

Os prezos dos cursos en todos os casos seguen a ser os mesmos que hai quince anos, con tarifas reducidas para estudantes universitarios, de bacharelato ou de formación profesional, pensionistas, persoas desempregadas, socios da Asociación de Antigos alumnos e PDI e PAS da USC.

Cursos monográficos

O prazo de matrícula nos cursos monográficos da Universidade de Verán ábrese este mércores 9 tanto para a modalidade en liña como para a presencial e permanecerá aberto ata dez días antes do inicio do curso. Contémplanse dúas taxas xerais, de 120 euros para os cursos de 25 ou máis horas e de 70 euros para o resto e outra de carácter reducido (de 70 e 40€, respectivamente, en función da carga docente) para alumnado universitario, de bacharelato ou de formación profesional, así como para pensionistas, desempregados/as, socios da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC, PAS e PDI da USC.

O maior número de cursos concéntranse en Compostela e Lugo, con 25 e 12 cursos respectivamente, pero tamén os hai en Allariz, As Pontes, Cervantes, Guitiriz, Lalín, Monforte de Lemos, Muras, Oia, Outes, Poio, Ribeira, Seoane do Courel, Vilanova de Arousa e Viveiro.

A programación ten unha temática variada e equilibrada, cubrindo todas as áreas de coñecemento pero este ano con dous asuntos moito máis presentes, como son a cuestión de xénero e o medio ambiente e o cambio climático, “o que dá conta dunha Universidade apegada á realidade máis actual”, afirmou Sampedro. Outros temas a tratar son as linguaxes na crianza, o idioma galego, a educación da voz, a bioimpresión en 3D, a xestión cultural, as novas finanzas, os SIX, a divulgación científica, xardinería e paisaxismo, o Camiño, a docencia 2.0, a economía circular, a ferramenta LaTeX, os servizos sanitarios, o turismo, a produción de leite, o debuxo na detección de problemas no ámbito sociofamiliar, a ofimática, a empresa familiar, o traballo nas enxeñarías, a xestión de entidades deportivas, a Ribeira Sacra, o abandono do rural, a oncoloxía ou a Orde da Mercé.

Centro de Linguas Modernas

No caso dos cursos de idiomas, o Centro de Linguas Modernas convoca a XLIII edición dos seus cursos intensivos de verán de diversa duración e a celebrar dende o 4 de xuño ata o 5 de setembro. Nesta ocasión, no Campus de Santiago ofértanse alemán, árabe, catalán, checo, chinés, francés, galego, grego moderno, italiano, lingua de signos, polaco, ruso, portugués, xaponés, español e inglés . En Lugo, haberá cursos de alemán, francés, lingua de signos, portugués, inglés e xaponés.

Todos estes idiomas conforman unha oferta de 30 cursos–de diversa duración e desenvolvemento-, nos que haberá tamén específicos como o de Inglés Speaking Skills para practicar destrezas orais en niveis B1 e B2 e un intensivo B1 en xuño, un de iniciación ao xaponés A1.1 en Lugo e outro para preparar o exame oficial de competencia en xaponés NOKEN. Ademais, en agosto e setembro haberá cursos de español para quen veña estudar á USC o vindeiro curso.

Esta é unha oferta dirixida tanto ao alumnado que vai participar en programas de mobilidade internacional o próximo curso, como a PAS e PDI e a outras persoas alleas á USC maiores de 16 anos, especialmente estudantes de bacharelato, profesionais e todas as persoas con interese en ampliar a súa formación en linguas estranxeiras ou cooficiais en España e nas distintas culturas. Para todos aqueles cursos que non sexan de iniciación haberá unha proba de nivel.

Etiquetas