O alcalde de Xermade recupera a presidencia da comunidade de montes de Lousada

O alcalde de Xermade, Roberto García, recuperou a presidencia da comunidade de montes de Lousada, da que foi cesado a finais do mes de marzo tras unha rifa asemblea na que algúns dos socios criticaron duramente a súa xestión por falta de transparencia.

Nunhas eleccións axustadas, o rexedor de Xermade conseguiu os votos necesarios para volver ao posto. En concreto, foron tres as papeletas que marcaron a diferenza e devolvéronlle a presidencia, con 34 votos a favor da súa candidatura e 31 da outra que se presentou, con Alfonso Fernández á fronte.

O alcalde indicou que “non é incompatible ser alcalde e presidente dos comuneiros, non consta nos estatutos, e eu non mesturo a política coa comunidade de montes”. “A comunidade de montes xerou unha chea de diñeiro para a parroquia. Arranxáronse igrexas, cemiterios, pagouse o teléfono aos comuneiros, fináncianse todos os anos as festas…”, lembra García. “Estamos a facer un plan de ordenación do monte e cando estea poderase empezar a cortar madeira”, di o agora presidente, mentres cifra nuns 700.000 euros os beneficios que se poderían sacar a día de hoxe da venda, e fala sobre o futuro e a necesidade de unir.

“Quero facer borrón e conta nova. Imos contar con todos. Dicían que non había transparencia e viuse no reconto que si que a hai”, expresou. As intencións do rexedor, con todo, non calan entre os que votaron en contra, que seguen cunha postura moi crítica. “Claro que segue sen haber transparencia. Non sabiamos a candidatura que levaba ata pouco antes dás eleccións. Houbo votos que se levaron para a casa, vos de o traían papeletas nos petos e prohibíuselle a entrada a algunha xente e a outros non lles chegou a carta para poder votar», denunciaron desde a outra candidatura, que seguirá “facendo oposición”, expresaron. O rexedor, pola súa banda, asegurou que un comuneiro pode delegar noutro á hora de votar e defendeu que todo foi 100% legal.

Etiquetas