Skip to main content
Actualidade

Rematan os concertos de Abraham Cupeiro

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, cualificou como “un éxito rotundo” os concertos didácticos de Abraham Cupeiro, que promoveu o Goberno da Deputación en 16 centros educativos da provincia e no participaron preto de 3.000 escolares. “Tanto alumnos como mestres fixéronnos chegar os parabéns por achegar este tipo de iniciativas aos centros educativos da provincia. Con esta proposta musical e cultural contribuímos a amosar o traballo singular deste musico lucense, pola recuperación de instrumentos ancestrais”.

A Deputada de Cultura, e o Vicepresidente da Deputación e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo asistiron este martes no Centro Cultural da vila, ao último concerto didáctico que ofreceu o musicólogo do ciclo promovido polo Goberno da Deputación. Ademais, esta programación incluíu actuacións abertas ao público en xeral nos Concellos de Viveiro, Chantada, Monforte de Lemos, o último destes concertos, baixo o título “Os sons esquecidos”, será este domingo día 13, no Auditorio de Vilalba, ás 20:30 horas.

“Tras percorrer a provincia de norte a sur, e logo de participar en preto de 20 concertos, tanto cos alumnos como co público en xeral, constatamos a necesidade de seguir impulsado proxectos destas características que achegan a música e a nosa historia a todo os lucenses de xeito totalmente gratuíto”, explicou García Porto.

A Deputada sinalou que “este sarriano é un gran musicólogo que constrúe e fai soar instrumentos de máis de 2.000 anos como o ‘karnyx‘, a gran trompeta céltica, ademais de traballar na recuperación de instrumentos ancestrais, xa que é capaz de interpretar melodías de distintas épocas con instrumentos moi antigos e complexos, como por exemplo as cornas coas que recupera unha tradición perdida en Galicia utilizando instrumentos orixinais”.

Conta coa acreditación do Ano Europeo do Patrimonio

García Porto explicou que está actividade esta enmarcada na celebración do Ano Europeo do Patrimonio, e conseguiu a acreditación como unha das iniciativas desta institución, por fomentar o intercambio do patrimonio cultural de Europa como recurso compartido e ao mesmo tempo sensibilizar acerca da historia e os valores comúns.

Impulsor da corna

O musicólogo Abraham Cupeiro (Sarria, 1980) constrúe e fai soar instrumentos de fai máis de 2.000 anos como o “karnyx”, a gran trompeta céltica. Estudou trompeta no Conservatorio Superior de Musica de Madrid, e logo realizou un máster en Interpretación da Música Antiga na Universidade Autónoma de Barcelona. A súa formación é clásica, pero sempre se sentiu atraído por todo tipo de músicas.

Desde novo formou parte de grupos de folk, jazz ou música antiga. E como instrumentista, destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnyx (trompeta celta da Idade de Ferro). Ademais é impulsor dun instrumento ancestral en Galicia: a corna. Instrumento que tocaba seu avó e que aparece nas iluminacións de Alfonso X.

O seu interese pola organoloxía, ciencia que estuda os instrumentos musicais e a súa clasificación, levoulle a conseguir unha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de distintas épocas. Cupeiro recupera e constrúe diversos instrumentos, e interpreta con eles a súa música, e tamén a mestura con composicións modernas.