Friol voltará esta fin de semana aos tempos romanos

A segunda edición do Friulio, a festa de recreación castrexa e romana organizada polo Concello de Friol xunto coa asociación A Castronela, celebrarase os días 12 e 13 de maio, tal e como confirmaron os promotores desta iniciativa durante a presentación do mesma, a cargo do alcalde, José A. Santos; a concelleira de Cultura, Fátima Iglesias, e o presidente da asociación Castronela, Manuel Castiñeira.

As actividades para este ano terán como escenario toda a vila de Friol, dende as inmediacións da piscina municipal e o paseo fluvial do río Nara ata chegar a praza Andón Cebreiro.

O programa de actividades iniciarase coa apertura do campamento castrexo ás 11 da mañá do sábado, onde haberá panaderías, queixerías, forxas, demostración de fiados, tallados de pedra ou madeira e moitas cousas máis. Poderase ver a druidas e guerreiros a cabalo, a construción dunha balsa, ou participar nos talleres de moeda e escritura, de complementos ou de barro entre outros. Tamén contarán con xogos populares.

Durante o sábado e a mañá do domingo terán lugar diferentes desfiles castrexo-romanos. Tamén,  as actuacións musicais cobrarán unha gran importancia este ano. Ademais da actuación de diferentes grupos folk en distintos puntos da vila, o sábado, a partir das 23.00 horas o Friulio contará cun importante e luxoso programa de animación musical a cargo de grupos de moito tirón popular como A Banda de Balbina, La Penúltima, tributo a Joaquín Sabina e Riff Raff, tributo a ACDC. O DJ Expósito será o que porá o punto final a esta sesión de noite.

Outra das novidades deste ano será unha degustación gastronómica, que terá lugar o domingo a media mañá coa preparación dun porco celta ao espeto

O asedio ao castro será un dos momentos principais do Friulio, onde novamente se recreará o asalto das tropas romanas aos castros que existían nas terras de Friol. O castro e o campamento romano poderán visitarse o sábado de 11:00 a 21:00 e o domingo tan só pola mañá.

Paralelamente, haberá tamén un concurso de escaparatismo, tanto dos establecementos públicos como dos balcóns dos veciños asentados na capitalidade do municipio.

A clasura desta festa terá lugar ás 14.00 horas do domingo, a cargo do veciño de Friol e escritor Francisco Narla.

O obxectivo da organización para este ano é converter ao Friulio nun dos eventos castrexos-romanos máis importantes da provincia.

Nesta segunda edición participarán na recreación histórica un total de 16 asociacións de toda Galicia e de concellos limítrofes, que farán do Friulio 2018 un evento de gran relevancia.

En previsión da afluencia prevista de visitantes e coches, habilitaranse para aparcadoiro as instalacións do Mercado Municipal e as rúas do Polígono Industrial. As estimacións municipais esperan a visita de preto de 20.000 persoas.

Segundo indicou o alcalde, o orzamento para a edición deste ano incrementouse moito e xa está equiparada á celebración da Feira do Queixo, con preto de 35.00o euros de orzamento total.

Podes consultar aquí a programación completa

 

Etiquetas