Skip to main content
Actualidade

Os institutos da provincia homenaxean a María Victoria Moreno

Por 11 Maio, 2018Sin comentarios

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, visitaron aos alumnos de 3ºC do IES Lucus Augusti de Lugo, para coñecer os traballos que están realizando co material didáctico doado pola Deputación na Semana Escolar das Letras Galegas, que este ano homenaxea a María Victoria Moreno. Nesta actividade participan nesta actividade preto de 7.000 alumnos e alumnas co seu profesorado en toda a provincia. No acto estivo tamén presente o autor do libro e amigo persoal da homenaxeada, Xosé Antón Perozo.

O Presidente avanzou que “dende o Goberno da Deputación puxemos en marcha esta iniciativa para dar a coñecer a obra e a vida de María Victoria Moreno. Unha escritora imprescindible, que contribuíu a situar a literatura infantil e xuvenil galega nun lugar digno e a poñer en valor o uso da lingua galega. Toda a súa vida é un exemplo de compromiso coa causa da lingua galega e da xustiza social”.

Campos Conde remarcou que “esta proposta recibiu unha extraordinaria acollida, xa que participan nela 45 centros de Educación Secundaria de toda a provincia, nos que 384 docentes realizarán co seu alumnado as actividades propostas co material didáctico. María Victoria Moreno é unha das catro únicas mulleres ás que a RAG decidiu homenaxear polo de agora. Ademais María Victoria e a primeira autora de literatura infantil e xuvenil que recibe este nomeamento”, sinalou. 

Vinculación con Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sinalou que “Lugo ten unha importante vinculación coa autora, quen nos anos sesenta impartiu clases durante dous cursos no centro escolar Lucus Augusti que hoxe visitamos. E fora nese tempo no que ela, nacida en Estremadura e de crianza castelá, descubriu a importancia da lingua e da cultura galegas ás que de seguido se sumou con grande entusiasmo ata o extremo de se converter nunha pioneira da literatura infantil e xuvenil en galego, na que obtivo importantes recoñecementos ademais do interese da xente nova”.

Actividades da Semana Escolar das Letras Galegas

Durante esta semana escolar realizaranse diferentes actividades, nas que se inclúe un programa con propostas de traballo, ademais editouse unha Guía do Profesorado con pautas para utilizar o manual, que xa recibiu todo o alumnado inscrito e os seus profesores. E o día 16 de maio como remate da semana escolar e das actividades, ás 12:00 da mañá, os centros participantes procederán á realización dunha serie de actos literarios ao redor da figura de María Victoria Moreno e a súa obra e vida.

Maria Victoria Moreno

María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres -1939 -Pontevedra 2005), escritora galega. En 1951, grazas a unha bolsa, marchou para Barcelona a cursar o bacharelato elemental, que ía dos 10 aos 14 anos, e o superior, dos 14 aos 17. En Barcelona aprendeu catalán e francés, e sobre todo descubriu a literatura, lendo por vez primeira o Quixote ou O principiño, que se habían converter nas súas obras favoritas. No verán volvía ás aldeas segovianas onde exercía de mestra a súa nai. De 1958 a 1963 estudou Filosofía e Letras, sección de Filoloxía Románica, na Universidade Complutense de Madrid. Alí coñeceu a José Luis Llácer, invidente, con quen casou ao finalizaren a carreira e co que se trasladou a Pontevedra en 1963, por ser el contratado no Colexio da ONCE. En Pontevedra viviu máis de corenta anos, até a súa morte en 2005 pois, aínda que deu clase dous anos en Lugo e catro en Vilalonga, a súa casa sempre estivo nesta vila. Á fin, debemos darlle a razón cando afirmaba ser galega: é a terra onde viviu máis tempo e sobre todo a terra e a lingua con que se identificou.

A historia de amor entre María Victoria e Galicia comeza en Pontevedra. Logo de dar aulas como interina nesa cidade, en 1965 aprobou as oposicións, sendo destinada ao Instituto Masculino de Lugo, onde ensinaba Xesús Alonso Montero, con quen manterá unha estreita amizade durante toda a súa vida. Grazas a el mergúllase na lingua e sobre todo na literatura galega. Desde ese momento María Victoria converteuse nunha activista a prol da lingua galega, un compromiso vencellado ás reivindicacións de democracia e xustiza social.

Ediciós do Castro publica o seu primeiro libro, Mar adiante, en que vai incluído o relato “Clarisca e Luceiro“, que acadara o segundo lugar no Premio O Facho. Esta primeira edición leva ilustracións da autora, como a utilizada pola RAG para felicitar o Nadal en 2017; en 2009 o libro foi reeditado por Edicións Xerais. Edita a antoloxía bilingüe Os novísimos da poesía galega, que recollía textos de dez poetas nacidos despois de 1943, entre eles Xosé Vázquez Pintor, Xesús Rábade Paredes, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana, sendo responsable tanto da selección como da tradución ao castelán. E abre en Pontevedra, xunto a oito socias e socios, a libraría Xuntanza, onde se vendían, entre outros, libros como os de Castelao e Miguel Hernández prohibidos pola censura e editados fóra de España, sobre todo en Buenos Aires. A publicación de Mar adiante tivo grande impacto na prensa, convertendo a María Victoria nunha das autoras pioneiras da literatura infantil galega. O libro constitúe un manifesto a favor dunha escola diferente, en contacto coa natureza, a favor dunha relación de respecto e agarimo co alumnado, que María Victoria defendía tanto nas súas novelas como na súa vida.

No ano 1979 publica “O cataventos“, que acadou o Premio O Facho, A festa no faiado (1983), e Leonardo e os fontaneiros (1986). Ademais de historias infantís ou xuvenís, a mediados dos 80 publicou xunto con Xesús Rábade Paredes e Luís Alonso Girgado libros de texto de Literatura galega. Outros fitos relevantes producíronse en 1988. Neste ano Galaxia, por decisión de Carlos Casares, na altura o seu director, crea a colección Árbore de literatura infantil, que será dirixida durante dez anos por María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro e David Otero.

Anagnórise

Anagnórise está considerado o seu mellor libro e un clásico da literatura xuvenil galega. É a historia de Nicolau, un adolescente de dezasete anos que fai autostop, fuxindo da casa e da súa vida anterior, e Xulia Andrade, unha muller afouta que o leva no seu coche e que ten moito da autora. Nas conversas da longa viaxe entre unha vila da beiramar galega e Madrid, Xulia fai reflexionar a Nicolau sobre a súa identidade, o que fixo na súa vida e o que quere facer en diante xa que segundo ela “as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos“.

En 1999 publicou a novela xuvenil Guedellas de seda e liño, recoñecida na Lista White Ravens da Biblioteca Internacional para a Mocidade de Múnic en 2002. Nos últimos anos da súa vida María Victoria recibiu numerosas homenaxes, dos libreiros na Feira do libro de Pontevedra, do profesorado do IES Torrente Ballester, o último no que dera clase e ao que legou a súa colección de libros. Morreu o 22 de novembro de 2005.