Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Os ‘nenos roubados’

Por 11 Maio, 2018Sin comentarios

Por Lucía Otero Gato

tema que vou tratar hoxe aquí é especialmente grave: o caso deses nenos que son separados das súas familias e internados en centros de menores debido a que na súa casa están nunha suposta ‘situación de desprotección’. Estes nenos son apartados do seu entorno familiar á forza, ben por Protección de Menores ou ben por un xuíz, moitas veces sen dicir nin sequera a onde os levan! Podemos considerar, polo tanto, que son “nenos roubados”. Isto que aos máis ignorantes igual lles parece unha xenialidade, é unha auténtica bestialidade, posto que esa situación de desprotección case nunca existe e, de existir, non hai que esquecerse de que os pais son os pais, e os nenos con quen mellor están é con seus pais, que é con quen teñen que estar; nada nin ninvguén é capaz de substituír o cariño e os coidados dos pais. Os centros de menores deben reservarse exclusivamente para os nenos sen familia, e sempre como último recurso.

Debo recoñecer que foi moi duro para min escribir este artigo, porque eu mesma fun unha “nena roubada”, pero ao tempo dinme conta que son precisamente eu quen teño que darlle voz a este tipo de inxustizas e disparates, xa que é unha realidade que vivín —e sufrín—, unha realidade que está aí aínda que a maior parte da xente a descoñeza e unha realidade que desgraciadamente golpea a varias familias en España. Non entrarei agora en todos os detalles da miña historia, dado que é sumamente longa e é só unha máis entre moitas outras. Grosso modo: eu pasei 3 anos e medio en centros de menores por negarme, con 12 anos, a estar as fins de semana na casa de meu pai. Protección de Menores e unha xuíza neglixente dixéronlle a miña nai que me tiña que obrigar a ir xunto de meu pai. Evidentemente, miña nai non foi quen de facer tal cousa. Eu explicáballes aos técnicos de Menores e á xuíza que meu pai me pegaba e me maltrataba. Non me facían caso. Terminaron meténdome nun centro de menores como castigo, para que rectificara e quixera a meu pai, acusando a miña nai de non proporcionarme todas as ferramentas emocionais necesarias para querer a ese maltratador. Estiveron 7 meses sen comunicarlle a miña nai onde me tiñan internada; ela non sabía se eu estaba viva se morta. Mentres tanto, eu atopábame nun centro en Bembrive (Vigo) comendo comida caducada e vendo como as educadoras arrastraban aos nenos polas escaleiras. Iso era a protección de menores!

A miña historia, grazas a Deus, xa pertence ao pasado, malia que as feridas que diso se derivan non curan nunca. Non obstante, a día de hoxe, hai nenos que seguen a ser “roubados” polo Estado. Algúns destes exemplos recóllense nunha excelente reportaxe do periódico Diagonal titulada “Un centenar de casos contra la retirada de tutelas sobre los menores”. Nesa reportaxe, así coma no libro de Javier Martín “Protección del menor, un sistema en crisis”, aclarase que “se invierten los recursos es en intentar separar a los niños de sus padres y se gasta dinero en los centros”, tal e como afirma o propio Martín. Para rematar, mencionarei a brutalidade que están facendo a Mauricia Ibáñez, unha burgalesa que o ano pasado deu a luz a dous xemelgos aos 64 anos. Pois ben, ao pouco de nacer, Protección de Menores retiroulle a custodia dos bebés, asegurando que non estaba capacitada para coidalos; agora planean darllos a outra familia. Segundo isto, supoño que tampouco ningún avó estará capacitado para coidar dos netos. Que incrible é a necidade! Non encontro palabras coas que expresar a pena que sinto por esta pobre nai. Por favor, que lle devolvan os seus nenos inmediatamente! E que devolvan tamén todos os nenos que perden a súa infancia en centros de des-protección.