A Caca da Vaca volve a Riotorto

A comisión de festas de San Cristovo organiza a festa A caca da vaca, onde dará 3.000 euros ao dono da rifa que conteña o número de parcela do campo de fútbol municipal A Veiga no que deposite o seu excremento o animal.

Os membros da comisión organizadora da festa de San Cristovo de Riotorto tiveron unha idea xenial para recadar fondos que lles está saíndo á perfección. Dividiron o campo de fútbol da localidade en parcelas de 1 metro cadrado, que repartiron con números e letras e a cada unha asignáronlle unha rifa.

O día 26 de maio soltarán unha vaca no campo de fútbol ás 19:00 horas e esperarán a que faga a súa primeira deposición. O dono da rifa co número da parcela no que caia o excremento da vaca levará 3.000 euros. No caso de que a vaca non faga de ventre antes das 21:30, sortearase a parcela. Sexa como sexa, o día 26 promete ser unha auténtica festa.

Os asistentes poderán ver a final da Champions League entre o Real Madrid e o Liverpool e haberá un apartado musical que estará a cargo de Eventec, que se fará cargo da verbena.

Este sorteo xa se fai noutras localidades galegas, como en Amoeiro, Ourense, onde sortean un coche; ou en Borela, Cotobade. Aínda que tamén fanse sorteos de este tipo en moitas outras vilas como Villaverde del río, Córdoba, ou en Plasencia, entre outros. Este tipo de sorteos son orixinarios de Suiza, onde teñen un terreo e bovinos similares.

Etiquetas