Todo listo para a Festa da Fala de Guitiriz

A tradicional romería de San Alberte de Guitiriz, que dende hai catro anos cambiou de nome ao de Festa da Fala, será o domingo 20 na contorna da Capela do San Alberte, organizada por Xermolos e as comunidades de montes de Sambreixo e Grupo Porto.

A capela acollerá a súa tradicional misa ás 10:00, coa procesión do Santo Alberte, seguida da sesión vermú ás 14:30 e as actuación de Airiños da Freba e Sons de Aldea. Tamén haberá degustación de liscos e chourizos.

Airiños da Freba é un  grupo de música tradicional da provincia de Lugo, inspirado nos cuartetos, quintetos e pequenas orquestiñas que animaban as festas nos anos 40 e 50. Interpretarán pezas do seu disco O’de Lacón e renderán homenaxe a Ramiro O Belonio, gaiteiro e veciño de Sambreixo, do cal recolleron pezas que gravaron no seu traballo e tocan no seu repertorio.

Ramiro foi canteiro e gaiteiro de novo e que logo estivo emigrado en París arredor de 40 anos. Sempre facía cadrar as súas estancias en Galicia para acudir á Romaría do San Alberte, e acompañar co ritmo da súa gaita a procesión do santo e poñer música logo á romaría e ós bailes.

Pola tarde presentarase o libro Ganduxando vidas, de Xaquín Roca, coa participación de Nieves Espiñeira, Xulio Xiz e Alfonso Blanco. Despois música a cargo de Bruxainas e inchables para os máis cativos.

Bruxainas é un grupo de nenos e nenas da escola de música tradicional da Anpa do CEIP Lagostelle, que animará cos seus cantos a romaría.

Durante todo o día haberá unha feira con artesáns de todos os tipos, como canteiros, cesteiros, talla e obradoiros.

 

Ás 18:00 pecherá esta edición unha verbena con actuación de Airiños da Freba.

Nas útimas edicións, os asistentes están a recuperar a tradición de achegarse á romaría andando, en bicicleta ou acabalo, e por suposto a traer a morrala para merendar.

 

Etiquetas