Gran actuación dos chairegos na última xornada de billarda

A última xornada da Liga Norleste de Billarda disputouse en Remourelle (concello de Ribadeo) e deparou uns grandes resultados finais para os equipos chairegos, cun dominador sobre todos, o equipo da Ponte de Outeiro, Carabullo, que levou dous primeiros postos nas catro categorías e alzouse co subcampionato por equipos, seguido de Chainzos-Cadaval, de Castro de Rei, e só superado no primeiro posto por Billardeiros Musicais de Ribadeo, que pecharon a liga con outra vitoria máis de xornada.

Sen dúbida, a categoría absoluta individual é a que suscita máis interese entre todas as persoas participantes, e ao interese uniuse á incerteza ata a última carreira para saber quen sería o gañador. En esta non fallou Charly, de Carabullo, que cun varado sentenciou unha Liga na que estivo case toda no primeiro posto dun podio no que o acompañaron dous ribadenses como segundo e terceiro, Manu Pozo e Daniel, respectivamente.

Na xornada, nesta categoría ninguén puido con Xermán Viluva, da Ekipa Bitere de Lourenzá, merecida victoria dunha das persoas que empezou, fai máis de dez anos, coa recuperación e organización da billarda en toda Galicia. Malia esta emocionante vitoria, non lle serviu a Xermán para acercarse na xeral aos tres primeiros clasificados.

Na clasificación feminina, non houbo sorpresas, e Geni, de Billardeiros Musicais, revalidou o primeiro posto do ano pasado, seguida de Paula e Lorena, ambas de Chainzos-Cadaval. Destacou tamén o seu papel na categoría absoluta, na cal compiten en igualdade todas as persoas participantes, acercándose ao podio absoluto.

A última categoría en disputa foi a dos varados, nome que se lle dá a billarda que se introduce no varal de un só golpe. Aí o gañador final foi Santi, tamén de Carabullo, igual que Charly que foi o terceiro. Só rompeu o podio monocolor Markitos dos Billardeiros.

Así pecha a tempada na Conferencia Norleste de Billarda, a falta das finais nacionais en Santiago de Compostela, o vindeiro 26 de maio, onde se darán cita os mellores en cada categoría de cada conferencia.

Etiquetas