A Deputación mellora a estrada que une Momán e As Pontes

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o alcalde de Xermade,  Roberto García Pernas, supervisaron as importantes melloras feitas pola Deputación na estrada LU-P-2204 que comunica Momán e As Pontes de García Rodríguez. O Goberno provincial investiu máis de 654.000 euros na remodelación de 4 kilómetros desta vía, atendendo ás demandas veciñais, tal como destacou Álvaro Santos.

Mentres, os veciños seguen a reclamar á Xunta melloras na estrada autonómica LU-170, por iso, “pedimos á Xunta que atenda as demandas que lle fan os veciños e que leve a cabo dunha vez as melloras tantas veces prometidas nesa estrada autonómica, esta é unha gran necesidade porque se trata dunha vía fundamental para comunicar esta zona coa Mariña e para dar acceso ao Polígono Industrial”.

Pola súa parte, o alcalde de Xermade lembrou que “o arranxo da estrada autonómica LU-170 é unha antiga reivindicación dos veciños de Xermade, que a Xunta de Galicia prometeu en moitas ocasións e non dá feito nada, este é un auténtico incumprimento por parte do Goberno de Feijóo”. “Parécenos unha gran discriminación, temos un polígono industrial paralizado como consecuencia de que non se toman medidas para arranxar 9 kilómetros dunha estrada autonómica que nos comunica coa Mariña, é das que peor está de toda Galicia e a Xunta está a marxinar a moita poboación, por iso lembrámoslle ao Presidente da Xunta de Galicia que non está cumprindo co rural como prometera”, manifestou García Pernas.

Melloras da comunicación con Santiago

O deputado de Relacións Institucionais destacou que “coas obras de rexeneración que fixemos na LU-P-2204 quedan perfectamente acondicionados estes treitos dunha estrada que dá servizo aos veciños de Momán, esta é unha vía fundamental para a comunicación desta zona de Xermade con As Pontes de García Rodríguez”.

O alcalde de Xermade salientou a importancia deste investimento da Deputación no municipio “porque é unha arteria de comunicación moi importante para toda a zona, xa que este é o camiño máis curto para os desprazamentos a Santiago de Compostela e aos aeroportos.

Santos Ramos e Roberto García inspeccionaron este mércores as obras que están a punto de rematar no treito da LU-P-2204 entre os puntos kilométricos 2 e 4, que tiveron unha dotación económica de 414.000 euros. Esta actuación supón a continuación dos arranxos feitos con anterioridade no treito entre os puntos kilométricos 0 e 2, que supuxeron un investimento de 240.000 euros.

Os traballos, que rematarán a semana que vén, consisten na remodelación integral do firme con aglomerado en quente, limpeza de cunetas, e incremento da seguridade coa instalación de sinalización horizontal e vertical.

Etiquetas