Terra de Miranda presenta en Riotorto un libro sobre a emigración

A Asociación de Veciños e Veciñas de Sta Comba da Órrea, Riotorto, A Terra de Miranda, presentou no seu local social o libro Segadores da Órrea en Terras de Castela, unha historia de heroes. Esta publicación, que é a cuarta que promove este colectivo, analiza o fenómeno sociolóxico de emigración temporaria, coñecido tamén como migración anduriña que practicaron  milleiros de galegos para participar nas Segas de Castela, principalmente na comarca coñecida como Terra de Campos  -entre vintecinco e trinta mil cada ano-  aínda que algúns estudosos do tema elevan a cifra a sesenta mil deixaban cada ano as súas facendas para coller o vieiro de Castela, na procura duns ingresos que lles permitirán vivir o resto do ano. Esta práctica   perdurou en determinadas zonas das provincias de Lugo e Ourense tres séculos, dende o XVII ata os anos sesenta do pasado seculo XX, cando a definitiva mecanización do agro castelán fixo innecesaria a man de obra galega.

No libro analízanse as razóns socioeconómicas  que determinaron este fenómeno, a organización destes temporeiros en cuadrillas, sempre lideradas por un maioral , que era o seu responsable máximo e que, na maioría dos casos, estaban conformadas por nove persoas, dos que seis eran segadores e tres, polo xeral nenos ou adolescentes, eran atadores. Cómpre destacar que eran grupos fortemente xerarquizados nos que cada quen tiña o seu rol. Tamén se conta como se realizaba o desprazamento, primeiro a pé e logo en tren; non esquencer que a vía férrea Madrid- A Coruña non se inagurou ata o ano 1883. Tamén se describe como se realizaba o traballo, como era comida e a durmida; en fin como transcurría a vida destes temporeirtos en Terras de Castela, traballando literalmente dende o albor ata o solpor, baixo un sol abrasador ao que non estaban afeitos e durmindo en alpendres, cun cubil de palla trillada por colchón.

No evento, ao que asistiu un centenar de persoas, tamén se deron cita unha vintena de veteranos segadores e atadores supervivintes desta experiencia, última testemuña viva dun xeito de vivir, se cadra de sobrevivir. En breve a Fundación TIC elaborará un documental sobre este fenómeno e no que se recollerán as testemuñas e experiencias destes supervivintes.

Etiquetas