O sendeiro que rodea Rábade xa é transitable

Durante o ano pasado o Concello de Rábade acondicionou unha ruta polos arredores da vila. A súa lonxitude é de algo máis de 9 quilómetros e trátase dun percorrido circular, é dicir, empeza e finaliza no mesmo lugar.  Dende o Concello indicaron que o punto de partida estará situado na ponte medieval, ao sur da localidade. Actualmente estase levando a cabo a limpeza  e recuperación dalgunhas zonas que foron dañadas pola auga durante o inverno.  Algúns camiños desta ruta atopábanse en desuso dende hai anos ou intentaban ser ocupados por particulares, así que dende o Concello decidiron amañalos. Agora mesmo o traxecto xa é transitable e esta sinalizado, e dende o concello desexan melloralo para poder promocionalo.

RUTA

Partindo da ponte medieval, débese tomar o sendeiro das ínsuas ata chegar á ponte de entrada onde hai que subir. Ao chegar á casa de Caxao, hai que seguir o camiño ata a estrada de Cospeito, cruzar ata Maciñeirá e, ao chegar xunto á Capela, cóllese ata Fonteboa, síguese o camiño que desemboca en casas de Pena, A Regueira e As Meilanas. Logo, débese cruzar a estrada de Vilalba para entrar en O Regabaixo e seguir o camiño ata chegar a O Cacel. Dende alí, comezan os únicos 600 metros de zona urbana que pasa pola rúa Breogán e rúa Rosalía de Castro ata chegar á avenida da Coruña. Nese momento a ruta abandona a zona urbana para voltar de novo ao rural, tomando o camiño de A Barrezuela que é o camiño que vai ás Carpaciñas, logo polo Campo das Fronteiras e por detrás do campo de fútbol, para cruzar e chegar a rúa Buenos Aires. Por último, hai que baixar polo antigo Camiño Real ata o río para chegar á beira do Miño e seguir polo barrio da Ponte ata chegar de novo á ponte medieval, onde finaliza o traxecto da ruta.

Etiquetas