Skip to main content
Actualidade

Xa hai gañadores do certame de videopoemas organizado pola Casa Museo Manuel María

Por 21 Maio, 2018Sin comentarios

Xiana Collazo Rial, do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, co videopoema Lúa descolorida, e Sara Casanova Martínez, do IES de Quiroga, co videopoema Negra sombra, foron as premiadas na II edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María.

O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista Eduardo Álvarez González e a profesora e guionista Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema gañador “o seu exquisito uso da linguaxe audiovisual e a coherencia nos versos escollidos que con excelentes metáforas visuais consegue transmitirnos unha historia”, e do videopoema Negra sombra resaltou “as súas estupendas metáforas visuais, unha moi suxerente utilización da cor e unha excelente montaxe para nos ofrecer a interpretración do poema”. Así mesmo, os membros do xurado sobrancearon a alta calidade acadada nesta edición, a diversidade de temáticas presentadas e o feito de que se estenda o concurso polos distintos centros educativos do país, o que é unha mostra da súa consolidación.

As gañadoras recibiron os premios do xurado e de Pilar Porto, deputada provincial responsable de Cultura. A Deputación de Lugo colabora con este certame, xuntamente co Concello de Lugo e a Deputación da Coruña.

Nesta segunda edición participaron máis de 120 alumnos de distintas localidades galegas (Vigo, Becerreá, Lugo, Dodro, Verín, Castro Caldelas, Burela, Rianxo, Quiroga, Fene, Portas, Betanzos, Porriño, Narón e Bueu) e a súa finalidade é potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María.

Os videopoemas poderán verse no noso Facebook nos próximos días.