Skip to main content
Actualidade

Representación para todos os públicos na Casa Museo Manuel María

Por 22 Maio, 2018Sin comentarios


A compañía teatral Elefante Elegante Teatro levará este sábado 26 de maio ás 18 horas ao auditorio da Casa-Museo Manuel María, o espectáculo visual Tristán. Comedia xestual, dirixida ao público infantil e familiar, interpretada ao estilo dos debuxos animados onde as palabras se transforman en xestos e onde os personaxes falan unha lingua inventada que é inmediatamente descifrada polo público, alén dunha música que acompaña o ritmo dinámico da acción.

A peza trata o tema da soidade, do abandono e da tristeza desde unha perspectiva cómica e inxenua. Gonçalo Guerreiro, director e actor na obra, sinala que esta trata dun espectáculo que conta a historia de Tristán. Un día, de tan triste que estaba, decidiu arrincar o seu corazón para nunca máis sufrir e deullo a un paxaro que pasaba por alí. Mais as cousas non lle saíron como el esperaba. Tristán non deixou de sufrir, e o que foi peor, nunca máis un sorriso, por pequeño que fose, se debuxou nos seus beizos. A partir daquel día pasaron a chamarlle Tristán cara de can. Mais a historia non remata así…Dentro dunha misteriosa caixa aparece unha boneca de trapo que vai tentalo todo para facer rir ao noso personaxe. Será ella capaz?

A actividade está programada pola Casa-Museo Manuel María e as ANPAs dos CEIPs Otero Pedrayo de Rábade e Laverde Ruíz de Outeiro de Rei. O prezo do billete é de 2 euros e pódese reservar chamando ao tel. 698 177 621 ou escribindo un correo ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal