Meira clausura as charlas do Seprona sobre tenza responsable de animais

O Goberno da Deputación, en colaboración co Seprona, continúa esta semana co ciclo de charlas informativas sobre a tenza responsable de animais que se están a celebrar dende o pasado mes de marzo en 12 concellos da provincia. As últimas charlas celebraranse o xoves 24, en Viveiro e Ribadeo, e o venres, día 25, na Fonsagrada e Meira.

O obxectivo deste ciclo de charlas, que organiza a área de Medio Ambiente da Deputación, é informar a todos os interesados, que poden participar de xeito totalmente gratuíto, sobre as obrigas e responsabilidades que supón a tenza de animais domésticos, especialmente tras a entrada en vigor da Lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.

Esta actividade xa se desenvolveu nas últimas semanas nos concellos de Quiroga, Monforte de Lemos, Chantada, Palas de Rei, Baralla, Sarria, Mondoñedo e Vilalba.

Para hoxe están programadas dúas charlas, a primeira será en Viveiro, ás 16:30 horas, e a segunda, en Ribadeo, ás 19:30. Mañá, ás 16:30 horas, terá lugar outra charla na Fonsagrada e o ciclo rematará en Meira, ás 19:30 horas.

Nestes coloquios participan axentes do Seprona, unha educadora canina e unha avogada animalista. Estas charlas adoitan durar ao redor de dúas horas; logo de realizar a súa exposición os diferentes relatores ábrese unha quedan de palabra para os veciños, xerándose un enriquecedor debate no que cada asistente expón as súas experiencias con animais domésticos. Un dos grandes obxectivos que persegue a campaña é sensibilizar á poboación respecto da situación dos cans abandonados, así como concienciar de que os cans non poden deambular libremente e deben estar perfectamente identificados.

Os encontros serven tamén para achegarlles aos asistentes as novidades que introduciu a nova Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, na que se recollen situacións que poderían ser constitutivas de infracción administrativa ou, en función do caso, incluso ser consideradas delito, xa que os animais están igualmente protexidos polo Código Penal.

A lexislación vixente establece certas obrigas de carácter básico para as persoas que decidan ter un animal doméstico. Entre elas, destacan a obrigatoriedade de proporcionarlle os coidados veterinarios precisos, así como mantelo nunhas condicións hixénico-sanitarias boas; procurar un aloxamento apropiado, acorde ás características do animal; ofrecer unha alimentación adecuada; implatación do microchip identificativo e inscribilo no Rexistro Municipal correspondente. Ademais, a lexislación tamén recolle a obrigatoriedade de proporcionarlle o exercicio e os estímulos precisos para levar unha vida saudable, cubrindo todas as súas necesidades, tanto físicas, como mentais ou emocionais.

Etiquetas