A Deputación investirá nunha residencia en Guitiriz e en varias accións en todos os concellos

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, adiantou que “dende este Goberno Provincial levamos ao vindeiro Pleno, que terá lugar o martes 29, novas propostas para investir máis de 25 millóns de euros nos 67 concellos da provincia co obxectivo de contribuír á mellora da calidade vida dos máis de 300.000 veciños de Lugo dentro da nosa aposta por unha Deputacións coas persoas, social e rural”.

Campos avanzou que “21 millóns son para 307 novas obras de mellora de servizos públicos, financiar 200.000 horas de atención profesional a maiores a través do Servizo a Domicilio a persoas non dependentes, xerar máis 240 novos empregos e desenvolver 44 actividades culturais, 84 deportivas e 79 turísticas no conxunto do territorio lugués. Farémolo a través do Plan Único 2018, co que tamén contribuímos ao mantemento dos Grupos de Protección Civil tras os recortes da Xunta de Galicia e ao impulso da e-administración para que os veciños poidan realizar máis trámites por Internet”.

O presidente adiantou que o Goberno da Deputación leva ao Pleno outra proposta para incorporar 4,2 millóns de euros de remanentes ao Orzamento de 2018, sendo máis investimentos na provincia, para as seguintes actuacións:

  • 2,3 millóns para novas actuacións nos concellos a maiores das do Plan Único.
  • 600.000 euros para dotar dun carril bici ao Paseo do Río Rato, en Lugo.
  • 300.000 euros para iniciar as obras da residencia na Casa da Botica de Guitiriz
  • 300.000 euros para un Plan de Recuperación de Terras Abandonadas que contribúa ao impulso do sector primario e á posta en valor do rural.
  • 200.000 euros para dotar dunha canceira á zona Sur da provincia, que dea servizo a 22 concellos, que se construirá en Monforte de Lemos.
  • 250.000 euros para un plan de sinalización intelixente que potencie o turismo.
  • 100.000 euros para recoñecer e colaborar co Breogán, Emeve e o Ensino, os clubes deportivos da provincia que acadaron ascensos á máxima categoría.
  • 100.000 euros para un plan de marquesiñas no rural.
  • 50.000 euros para un plan de dotación de desfribriladores nos concellos.

“No próximo Pleno, a oposición terá a ocasión de rectificar tras darlle as costas aos traballadores da Deputación”, destacou o presidente tras avanzar que se volverá a levar a mesma proposta de RPT acordada por unanimidade polos representantes sindicais logo de que estes presentase un recurso contra o acordo plenario contrario á mesma.

Pazo dos Deportes

O Goberno da Deputación tamén levará a aprobación definitiva da concesión demanial do Pazo Provincial dos Deportes a favor do Club Baloncesto Breogán. Esta cesión terá unha duración de 30 anos e permitirá ao club celeste cumprir cos requisitos económicos da FEB para acceder á máxima categoría do baloncesto nacional, a ACB. Por outra banda, garantirase o uso desta infraestruturas ao resto de clubs lucenses que empregan o Pazo entre os que se atopan os seguintes: CB Ensino, Estudiantes, Asociación Xuvenil Sagrado Corazón, SDC Garabolos, Federación Galega de Baloncesto, USC Lugo, CB Cidade de Lugo, Baloncesto Franciscanos Lugo, Club Balonmán Lucus, Club Muralla Rugby, Club Loita Lugo, Asociación Deportiva Judo Muralla, Club Loita Vilalba, Taekwondo Sanxiao, Club Squash Muralla de Lugo e Club Squash Mostruíños.

Etiquetas