Formación personalizada para o comercio das Pontes

Dez profesionais do sector do comercio recibiron nas Pontes, de man da tenente de alcalde, Montserrat García, os diplomas que acreditan a súa participación no curso Acción formativa no teu propio comercio posto en marcha polo Concello, a través do IPPEC.

Esta novidosa iniciativa, baseada na formación personalizada e adaptada ás necesidades de cada establecemento e desenvolvida nas propias tendas, tiña como obxectivo dotar ó comercio local das ferramentas precisas para mellorar a súa competitividade e impulsar a súa contribución á economía da vila.

Durante cada sesión, un profesional do sector do visual merchandising, amosoulles, a cada un dos comerciantes participantes, a través dunha formación presencial orientada ás súas necesidades específicas, distintas estratexias e técnicas comerciais para sacarlle o máximo partido ós seus establecementos e comunicar de xeito correcto e eficiente o seu produto, traballando aspectos como o sistema de compra, a implantación en tenda do produto, o escaparate ou a presenza en redes sociais.

Asemade, esta actividade formativa nos propios comercios incluíu un estudo da contorna, da competencia, dos clientes e do propio negocio e o seu funcionamento para, cos datos obtidos, elaborar a estratexia comercial e as pautas precisas para poñela en marcha así como unha análise da evolución dos resultados acadados para comprobar a adecuación da estratexia comercial.

Durante o acto de entrega de diplomas, Montserrat García, fixo fincapé na importancia que este tipo de accións formativas teñen para o comercio local das Pontes. “O punto de venta é a imaxe dos negocios, un bo escaparate, unha boa colocación dos produtos e unha estratexia comercial correcta pode facer que as ventas medren e aumente a competitividade. O comercio é un sector clave na economía e no emprego da nosa vila e desde o Concello das Pontes continuaremos traballando para facer do noso comercio un sector dinámico, innovador e de calidade”

Etiquetas