Escolares de dez concellos chairegos aprenden sobre igualdade cun programa da Deputación

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e o escritor Xosé A. Perozo, mantiveron este luns un encontro con alumnos do CEIP Anexa de Lugo que participan na campaña escolar Aprendendo Igualdade. Trátase da iniciativa do Goberno da Deputación dirixida a máis de 10.000 alumnos de Educación Infantil e Primaria da provincia para que teñan elementos eficaces cos que aprender igualdade nas aulas. Os rapaces traballarán ao longo desta semana co libro “Vanesa non quere ser princesa”, escrita polo xornalista e escritor lucense, e desenvolverán diferentes actividades de pintura, música, matemáticas ou manualidades, entre outras. Este proxecto do organismo provincial está concibido para fomentar entre o alumnado actitudes favorables á educación e á convivencia en igualdade entre nenas e nenos.

López Izquierdo subliñou que “dende o Executivo da Deputación ofrecemos por primeira vez esta iniciativa escolar co obxectivo de achegar aos alumnos e profesores da provincia ferramentas coas que poidan traballar nas aulas conceptos e ideas que melloren a igualdade. Esta campaña está enmarcada na aposta decidida do Goberno da Deputación de eliminar vellos estereotipos e fomentar nos nenos e nenas a idea de que a elección dun traballo, dunha carreira e dun compromiso coa sociedade nos fai máis libres. Por iso, é fundamental que dende a infancia aprendan que as profesións non teñen sexo: non hai traballos diferentes para homes e mulleres. As administracións públicas temos a obriga de traballar para que as nenas decidan e sexan de maiores o que queiran  ser. Por iso, dende o Goberno da Deputación seguiremos co noso empeño e determinación de facer isto realidade”.

A deputada de Promoción Económica e Social destacou a extraordinaria acollida que tivo este proxecto “pois son 72 centros públicos de Educación Infantil e Primaria da provincia os inscritos na campaña Aprendendo Igualdade da Deputación. Todo un éxito”.

Libros de textos gratuítos para os centros

O Executivo Provincial editou o libro “Vanesa non quere ser princesa” que conta unha historia de ficción adecuada aos cursos de educación infantil e primaria. Nesta primeira edición o libro, escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Jaime Asensi, conta a historia de Vanesa, unha nena que decide por si mesma o seu futuro profesional. Para establecer as actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do Profesorado que achega pautas para optimizar o emprego do libro que recibirán todos e cada un dos escolares inscritos. Para chamar a atención nos propios centros escolares sobre o evento editouse o correspondente cartel.

Centros Escolares participantes

Na Terra Chá os centros participantes serán os seguintes: 

– CEIP de Bretoña, da Pastoriza

– CEIP Virxe do Corpiño, de Begonte

– CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei

– CEIP Veleiro-Docampo, de Castro de Rei

– CPI Plurilingüe Virxe do Monte, de Cospeito

– CEIP Poeta Avelino Díaz, de Meira

– CEIP Rosalía de Castro, de Pol

– CEIP Otero Pedrayo, de Rábade

– CEIP Plurilingüe de Riotorto

– EEI de Vilalba

– CEIP Antonio Insua Bermúdez, de Vilalba

– CEIP Manuel Mato Vizoso, de Vilalba

– CEIP Monseivane, de Vilalba

– CEIP Terra Chá, de Vilalba

– CEIP de Xermade

Etiquetas