Tradescola realiza en Outeiro de Rei dous concertos para escolares

A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, achegouse ata Outeiro de Rei, concretamente ao CEIP Laverde Ruiz para impartir unha nova xornada de música tradicional. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a música e a cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.

Neste concerto, impartido polos mestres da Tradescola Miguel Anxo López, Carme López e Jose Manuel López, amosóuselles aos alumnos distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.

Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e a través de actividades como esta pretenden non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queren amosar a riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que todos e todas as escolares poden participar de xeito activo con preguntas e aportacións, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación.

A Tradescola realiza asiduamente numerosos actos como charlas, presentacións, concertos, ou xornadas que achegan a numeroso público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente na rúa Pintor Corredoira nº 4, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.

 

Etiquetas