O PSOE di que a provincia de Lugo lidera a mortalidade por infarto en Galicia porque o PP nega Hemodinámica 24 horas

O Secretario Xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e os deputados socialistas no Parlamento de Galicia pola provincia de Lugo, Concepción Burgo, Luís Álvarez e José Antonio Quiroga desvelaron os datos oficiais do Rexistro Galego de Atención ao Infarto de Miocardio (REGALIAM) que conseguiu o PSOE ata o momento da Xunta de Galicia tras as reiteradas peticións que fixo ante a insistente negativa do Goberno galego do Partido Popular de non dotar á provincia de Lugo de Hemodinámica 24 horas amparándose, precisamente, nos datos do REGALIAM. Cómpre destacar que os socialistas reclamaron moitísima máis información e detalles deste rexistro, que o Executivo autonómico do PP non facilita. Só ofreceu os datos que a continuación se apuntan despois de que o PSOE advertise que iría á xustiza por negar o acceso a unha información descoñecida para os cidadáns e que o PP emprega para privar aos lucenses de Hemodinámicas as 24 horas.

Os datos son de xuño de 2015 a setembro de 2017, é dicir, con Hemodinámica en horario de oficina no HULA pola decisión política do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o mesmo que asegurou publicamente no 2011 que este servizo funcionaría as 24 horas, mentindo polo tanto a todos os lucenses. Estes datos constatan que durante dito período:

  o 75% dos lucenses que sufriron un infarto tiveron que ser trasladados e tratados fóra de Lugo. Segundo o REGALIAM, 272 veciños da provincia sufriron un infarto: 203 foron atendidos na Coruña e tan só 69 en Lugo.

– a taxa media de mortalidade aos 30 días dos lucenses que sufriron un infarto é a máis alta de Galicia. Segundo o REGALIAM, a media global de mortalidade en Lugo é do 4,6 fronte ao 2,9 en Santiago e Pontevedra, 3,2 en Vigo, 3,5 en Ourense e 4 en Ferrol e na Coruña (cando asumiu o 75% dos lucenses). Todo isto supón que a media no conxunto de Galicia sexa do 3,6.

Estes datos e diferencias na provincia de Lugo, que constata o REGALIAM, agrávanse aínda máis atendendo á media de mortalidade aos 30 días das persoas que sufriron unha infarto recibiron unha intervención coronaria percutánea (ICPP), pois neste caso:

– a media de mortalidade dos lucenses é de 3,6, sendo case o dobre máis que a dos cidadáns de Vigo cuxa media é do 2,1; Pontevedra e Santiago 2,4; A Coruña 2,6 (cando asumiu o 75% dos lucenses). Todo isto supón que a media no conxunto de Galicia sexa do 2,4.

Ao respecto dos tempos, o REGALIAM asegura literalmente que “se han encontrado diferencias estadísticamente significativas en los tiempos de reperfusión (primer contacto médico-apertura de la arteria responsable del infarto) entre las siete EOXI, las correspondientes a: A Coruña con 103 minutos; Santiago de Compostela con 103 minutos; Vigo con 110 minutos; Ferrol con 118 minutos; Pontevedra con 136 minutos, Ourense con 153 minutos y Lugo con 155 minutos”. Todo isto cando o tempo máximo de espera non debe superar os 120 minutos segundo os expertos.

Ante os datos do REGALIAM, que constatan que a decisión política de Feijóo de non dotar á provincia de Lugo de Hemodinámica as 24 horas supuxo graves consecuencias para os lucenses, os socialistas ofrecen ás familias lucenses asistencia xurídica gratuíta para que coñezan as medidas legais que poden emprender debido ás consecuencias persoais causadas por non contar co servizo de Hemodinámica 24 horas na provincia de Lugo por decisión do PP.

Ademais, o PSOE solicitará no Parlamento galego a intervención de Feijóo e do Conselleiro para que ofrezan explicacións desta decisión política, que xa supuxo dano irreparables aos lucenses, empregando, deste xeito, todos os recursos parlamentarios ao alcance.

“Que lle pode dicir o Partido Popular a todas as familias da nosa provincia que engrosan a media de mortalidade? O dano causado é irreparable. O PSOE continuará facendo presión e empregando todos os recursos que están ao noso alcance para que a Xunta dota ao HULA do servizo de Hemodinámica as 24 horas. Non hai escusas para non facelo. Non poden seguir amparándose no REGALIAM cando temos estes datos e cando os propios profesionais, como o xefe de cardioloxía, Juanatey, están reclamando a súa inmediata implantación, asegurando, publicamente, que é imprescindible na provincia de Lugo”, destacaron os socialistas.

Etiquetas