Skip to main content
ActualidadeLUGOXAMuras

A Deputación publica a obra de Antía Cal ‘Libro dos nenos’

Por 1 Xuño, 2018Sin comentarios

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este xoves no CENTRAD a obra de Antía Cal “O libro dos nenos”, que publicou o Goberno da Deputación. Ao acto asistiron, a propia autora, Antía Cal, a escritora e amiga persoal da autora, Marica Campo e a pedagoga Branca Nazaré Guerreiro.

A Deputada sinalou “hoxe teño o privilexio de presentar este pequeno tesouro de Antía Cal, O libro dos nenos. Esta edición ten sobre todo un matiz simbólico, porque 60 anos despois esta obra sae á luz. O seu contido, segundo recoñece a propia autora, é unha explicación dialogada cos nenos e nenas, para que coñeceran o mundo e tamén Galicia. Segundo conta o propio Luís Seoane no prólogo desta edición, o traballo pedagóxico de Cal foi loubado pola UNESCO, cando aquí, na súa terra, poñíalle trabas por ensinar aos seus alumnos en galego”.

García Porto explicou que “coa publicación desta obra saldamos unha débeda pendente con Antía, e tamén, rescatamos da memoria un dos textos fundacionais da pedagoxía galega do s.XX. Hai que lembrar que esta enciclopedia para nenos gañou o premio literario do Lar Galego de Caracas no ano 1955. Podemos dicir que con 95 anos Antía Cal publica unha nova obra e insisto, hoxe cumpre un soño, e nós con ela”.

Antía Cal agradeceu a colaboración da Deputación coa publicación desta obra. “Para min é un soño cumprido, pensei que non ía chegar nunca, pero aquí esta. Pasaron máis de 60 anos e esta obra sae á luz. Co Libro dos nenos, quixen que os meus alumnos se acercarán ao mundo que os rodea, a través da educación sensorial, e que coñeceran os ríos, as montañas, as vilas, … en definitiva o mundo. E partindo desa premisa na que sigo crendo hoxe en dia, na que a escola é unha fabrica de pensamento, de vías de razoamento, de creación e de tolerancia”, resumiu.

Libro dos Nenos

Esta pequena enciclopedia foi escrita por Antía Cal no ano 1955, no galego da época, gañou o premio literario do Lar Galego de Caracas. Conta con preto de 400 paxinas, en color, e esta divida en catro partes. Por un lado xeografía universal, especial de Galiza, tamén historia Universal e a Galega, tratadas a un mesmo tempo, para que os alumnos poidan facer comparacións evolutivas da Humanidade. O prólogo escrito pola autora sinala que as súas paxinas deben ser lidas na clase por un rapaz en voz alta, mentres os seus compañeiros vano seguindo e o mestre aclarando as dubidas, ou ampliando a información…

Antía Cal

Antía Cal naceu na Habana o 18 de abril de 1923, nunha familia de emigrantes do Concello de Muras. Aos 9 anos retorna a Muras, á casa do Mesón, no lugar das Aguias, onde pasaría a infancia. Estudou o bacharelato no Colexio Dequidt da Coruña, fíxose mestra e licenciouse en Xeografía e Historia, en Compostela, no ano 1945. Casada con Antón Beiras, galeguista de esquerda e oftalmólogo, co apoio do seu compañeiro fundou, en 1961, o Colexio Rosalía de Castro de Vigo, unha experiencia educativa única na época, xunto co colexio Fingoi, en Lugo. Antes diso, nos últimos anos 50 do século pasado, Mr Mann, representante do cable británico en Vigo, ábrelle ás portas á pedagoxía británica. É a partir de aquí onde empeza a historia fermosa, moi importante para a sociedade galega, da creación do Colexio Rosalía.

Esta obra o Libro dos nenos, xunto con outras obra de Xosefa Iglesias Vilarelle, Xosé Ramón Fernández-Oxea, Victoria Armesto, forman parte dos textos fundacionais da pedagoxía galega do s.XX, e con esta edición convértese nun acto simbólico na traxectoria de Antía Cal e no movemento de renovación pedagóxica de Galicia.