Proxección do documental ‘Entrar ao Vilares’ en Lalín

O próximo día 10 de xuño ás 21:00 horas a Asociación de Veciños San Pedro Félix da Xesta (Parroquia singular de Lalín 2018) organiza a proxección do documental Entrar aos Vilares, producido pola Asociación da Terra Chá, Lareira de soños arredor da parroquia do poeta Xosé María Díaz Castro. O filme foi finalista da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Compostela en tres categorías (mellor filme, mellor produción galega e premio do público). A proxección contará con membros da equipa de realización que manterán un coloquio co público asistente.

A sinopse comeza con tres mozos que entran a unha parroquia de Guitiriz que descoñecen co encargo de realizar un documental sobre ela. Entón preguntan aos veciños tentando comprender a identidade do lugar seguindo unha cita de Charles Seignobos que leron na universidade: “Lamento non ter podido tratar máis que dunha maneira moi incompleta os feitos da vida cotiá, alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito privado, diversións, relacións de sociedade, que constituíron o principal interese da vida para a enorme maioría de individuos”. Posteriormente tentan vincular o que aprenden á súa propia identidade e ás súas propias experiencias, sendo da primeira xeración das súas familias que non naceu na aldea. E cuestionan o resultado: non queren dar outra visión nostálxica do rural pero non teñen claro se o conseguen. Finalmente, pasean por leiras e casas abandonadas, xogan, distraense mirando aos animais e desvíanse das súas propias intencións como se estiveran facendo un vídeo doméstico.

Etiquetas