Skip to main content
ActualidadeVilalba

Champivil inicia a recollida de árnica

Por 5 Xuño, 2018Sin comentarios

A empresa chairega Champivil-Castelo, especializada en produtos naturais de Galicia, comeza a campaña de recolección de árnica, unha planta medicinal que se dá de xeito natural nos prados e veigas da Terra Chá. A empresa de Vilalba decidiu hai uns anos recuperar este produto que se apañaba historicamente en Galicia e, tras un proceso de secado, expórtao con destino ás principais empresas cosméticas e farmacéuticas europeas, que a empregan na elaboración de cremas e antiinflamatorios. 

“Na zona da Terra Chá a xente maior lembra apañala de toda a vida, desde sempre. Aínda que o certo é que a súa poboación ten minguado moito como consecuencia da mecanización e renovación de pradeiras para uso agrícola e gandeiro até atoparse neste momento en perigo de extinción recluída en determinadas zonas próximas a regatos ou en pradeiras vellas destinadas a herba seca”, explica Luz Divina Castelo, xerente de Champivil.

Foi súa nai, Mari Luz Rey, a que mantivo viva na familia esta tradición da recollida da árnica, un proceso manual que se leva a cabo durante o mes de xuño e comezos de xullo, coincidindo coa época de floración da planta. “O momento de recollida, que dura catro ou cinco semanas soamente, está un pouco en función de como veña o tempo. O ano pasado houbo sol e calor nos meses de maio e xuño e adiantouse a floración. Este ano está a pasar o contrario, a chuvia e a falta de sol destes días está a retrasar a campaña”, explica Luz Divina Castelo.

A árnica é unha planta silvestre que se dá de maneira natural en pradeiras vellas situadas en zonas húmidas da Terra Cha. Ten forma de margarida (un pouco máis grande de tamaño) e é de cor amarela. Champivil pechou a pasada campaña cun total de 1.500 quilos de flor de árnica apañados que, unha vez secos, marcharon con destino á multinacional alemana Bayern.

“É o noso particular azafrán e págase a 5 euros o quilo”

A árnica está a experimentar nos últimos anos unha demanda crecente por parte das industrias farmacéuticas, o que está a influir no prezo. “Isto está a animar de novo á xente a volver a apañala, aínda que cada vez hai menos e hai que andar moito máis para xuntar unha cantidade que mereza a pena. A árnica é o noso azafrán particular e págase a un prezo duns 5 euros o quilo, pero cantas florciñas hai que apañar para facer un quilo?”, razoa a xerente de Champivil. O proceso é totalmente manual: “Durante o mes de xuño e principios de xullo apañámola con coidado á man, unha a unha, para non danar a pranta e que volva deste xeito dar o ano vindeiro. É un proceso delicado, porque se arrincas a planta non volve dar”, explica.

A provincia de Lugo, sobre todo en zonas como a Terra Cha ou a Ulloa, é onde aínda se conservan as mellores poboacións de árnica de todo o noroeste da península ibérica.Tamén se recolecta en países do leste de Europa, pero a calidade e as propiedades da árnica galega son moi superiores.

É unha especie que medra de xeito natural en estado silvestre e que presenta dificultades para o seu cultivo. De feito, nos últimos anos realizáronse diversos experimentos e ensaios de cara ao seu cultivo sen que se obtiveran grandes resultados. Tampouco tiveron éxito os intentos das farmecéuticas alemás de cultivar no seu país a variedade que se dá en Galicia. No campus de Lugo da Universidade de Santiago levan anos estudando esta planta e tentando o seu aproveitamento como cultivo agrícola.

Proceso de secado a temperatura ambiente

Unha vez apañada a flor da árnica sométese a un proceso de secado para a súa conservación. “Poñémola a secar a temperatura ambiente, nun proceso natural que acostuma levar un par de días. Pola noite tapámola e polo día extendémola ao sol. As flores perden a auga e vanse murchando e cambiando a súa cor amarela e verde por marrón alaranxado. Durante o proceso de secado temos que volteala frecuentemente para que o secado sexa homoxéneo”, detalla Luz Divina Castelo.

Unha vez seca, a empresa de Vilalba mete en sacos a árnica para o seu envío aos laboratorios farmacéuticos, que fan con eles medicamentos antiinflamatorios, cremas para a pel, xabróns ou outros produtos. “A que nós apañamos é de moi boa calidade e vai para Bayern en Alemania”, explica a xerente de Champivil, que recoñece que “a demanda deste produto é moi alta pero hai moi pouco”.

A variedade galega, moi codiciada polas farmacéuticas pola súa calidade

A árnica, tamén coñecida como estornudadeira ou tabaco de montaña, é unha planta medicinal con múltiples propiedades. Trátase dunha planta herbácea autóctona, orixinaria do continente europeo, que medra de forma silvestre e que pode chegar a alcanzar medio metro de altura. Pertence á familia botánica das asteráceas, igual que a manzanilla e a caléndula.

As súas flores son amarelas e moi vistosas, cun aroma agradable semellante á manzanilla pero de maior tamaño. Son precisametne as flores as que principalmente se empregan en gran variedade de remedios caseiros debido ás súas propiedades medicinais, cunha potente acción antiinflamatoria, antibiótica, cicatrizante e analxésica.

Esta planta medicinal é un remedio natural para as luxacións, golpes, traumatismos ou torceduras. Aplícase de forma externa, tamén mellora a saúde da pel en casos de irritación, acne ou eccema. Tamén axuda a aliviar dores articulares, reumáticos e musculares e acelera a recuperación en casos de tromboflebitis, edemas, hematomas ou moratóns e facilita a boa cicatrización de feridas, reduce a inflamación e a dor. Tamén se emprega para desconxestionar as vías respiratorias.

A variedade que se dá en Galicia, a Arnica montana L., presenta unhas cualidades terapéuticas superiores con respecto á que se produce en centroeuropa, en países como Alemania ou Rumanía. Ademais de maior poder antiinflamatorio, a subespecie atlántica ten un menor grao de problemas de alerxia asociadas, polo que é máis apreciada pola industria.